Un mapa permite coñecer en tempo real as balizas V16 activas que advirten dun vehículo parado na estrada. O dispositivo é obrigratorio desde este pasado 1 de xaneiro e substitúe os triángulos de sinalización.
Un mapa permite coñecer en tempo real as balizas V16 activas que advirten dun vehículo parado na estrada. O dispositivo é obrigratorio desde este pasado 1 de xaneiro e substitúe os triángulos de sinalización.
O audiovisual chora a morte de Miguel Insua, actor galego que debutou no cine en Sempre Xonxa e que participou en filmes como Sinbad, Magical Girl ou Antes de Nós e en series como Serramoura, Lobos&cordeiros, La Unidad ou Cuéntame. Natural de Valdoviño, faleceu aos 64 anos o pasado 30 de decembro.
Coral Conde Cid, de 2,9 quilos de peso, foi a primeira galega de 2026, en Ourense, onde naceu xusto na medianoite do 31 ao 1. A segunda en nacer, pasados 38 minutos do día 1, foi Valeria, en Vigo, e o terceiro Lucan, no Hospital da Mariña, uns minutos despois. [Foto: Xunta]
🎄Este 1 de xaneiro Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal
🤗 O venres 2 seguimos convosco, Feliz 2026!
A Xunta publica o reparto das súas axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión en 2025. Suman 1,98 millóns de euros e distribúense entre nove empresas editoras de xornais impresos, 16 de publicacións dixitais e oito propietarias de emisoras radiofónicas. As condicións mantidas pola Secretaría Xeral de Medios nestas convocatorias, con acceso prohibido para entidades sen ánimo de lucro, impiden que participe delas a Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal e VINTE, con independencia do cumprimento de requisitos en materia de persoal ou uso do galego, entre outros. Preme nesta ligazón para explorares o gráfico interactivo.
José Tomé fai efectiva a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo coa preceptiva comunicación do cesamento ao pleno. Tras esa sesión extraordinaria, a institución lucense celebra outra ordinaria xa dirixida polo nacionalista Efrén Castro como presidente en funcións, cargo que exercerá ata que, o 14 de xaneiro, sexa elixida a nova presidencia. Na súa despedida do posto Tomé, que continúa como deputado, reiterou que as acusacións de acoso sexual responden a "unha campaña" con intencións políticas "supraprovinciais" na que todos os feitos que lle atribúen son "falsos". Na imaxe, inicio do pleno con Tomé xa no escano de deputado e non de presidente.
Unha comisión de festas de Carnota recada fondos en solidariedade coa da localidade leonesa de Villamanín, logo de que vendesen participacións de máis que impiden o cobro de catro millóns de euros do Gordo da Lotaría de Nadal.
A Xunta volve conxelar as peaxes das autoestrada AG-55 A Coruña-Carballo e AG-57 Vigo-Val Miñor. Tras asumir con fondos públicos a suba das peaxes prevista para 2023 e 2024 e incrementalas un 1,7% para os usuarios neste 2025, o Goberno galego volve asumir a suba en 2026.
José Ramón Lete cesa como secretario xeral para o Deporte da Xunta tras 16 anos no cargo en tres etapas distintas. O novo responsable de Deporte será Roberto García Fernández. O Consello da Xunta tamén remudou varios altos cargos das consellería de Presidencia, Medio Rural e Mar.
O crego de Xestoso dedica a súa homilía no Día dos Inocentes ao "xenocidio infantil" en Gaza. "A afirmación de que, se nacese hoxe, Xesús sería asasinado por ser palestino non é unha provocación teolóxica, senón unha interpelación ética. Xesús naceu pobre, nunha terra ocupada, e foi perseguido desde o berce. Lembralo sen mirar o que ocorre hoxe con outros nenos pobres e perseguidos é baleirar o Evanxeo de sentido", explica Luís Rodríguez Patiño. A lembranza "da matanza dos Santos Inocentes, o episodio bíblico no que o rei Herodes ordenou asasinar nenos indefensos por medo a perder o seu poder", evoca, "debería obrigarnos a preguntarnos que vidas consideramos dignas de ser choradas e cales aceptamos como danos colaterais. O silencio ante a morte dos inocentes nunca foi neutral: sempre favoreceu o verdugo". Rodríguez Patiño , que pronunciou esta homilía en Xestoso (Monfero) e Cambás (Aranga), exerce tamén en Momán (Xermade) e Labrada (Guitiriz).