O crego de Xestoso dedica a súa homilía no Día dos Inocentes ao "xenocidio infantil" en Gaza. "A afirmación de que, se nacese hoxe, Xesús sería asasinado por ser palestino non é unha provocación teolóxica, senón unha interpelación ética. Xesús naceu pobre, nunha terra ocupada, e foi perseguido desde o berce. Lembralo sen mirar o que ocorre hoxe con outros nenos pobres e perseguidos é baleirar o Evanxeo de sentido", explica Luís Rodríguez Patiño. A lembranza "da matanza dos Santos Inocentes, o episodio bíblico no que o rei Herodes ordenou asasinar nenos indefensos por medo a perder o seu poder", evoca, "debería obrigarnos a preguntarnos que vidas consideramos dignas de ser choradas e cales aceptamos como danos colaterais. O silencio ante a morte dos inocentes nunca foi neutral: sempre favoreceu o verdugo". Rodríguez Patiño , que pronunciou esta homilía en Xestoso (Monfero) e Cambás (Aranga), exerce tamén en Momán (Xermade) e Labrada (Guitiriz).