O PP confirma que Elena Candia, presidenta provincial do partido en Lugo e ex-alcaldesa de Mondoñedo, será a nova vicepresidenta do Parlamento en substitución de Diego Calvo, que abandona o cargo na Mesa da Cámara tras o seu nomeamento como vicepresidente segundo da Xunta. A remuda abordarase o día 24 no pleno ordinario, que se celebrará xusto despois do extraordinario no que os populares votarán a designación de Feijóo e Tellado como senadores.
Fálase
Falece o actor estradense Chete Lera nun accidente de tráfico na provincia de Málaga. Lera, nado en 1949, deixa unha ampla traxectoria teatral e cinematográfica dende finais dos anos 70 do século pasado e recibiu numerosos galardóns, entre eles dous premios Mestre Mateo en 2008 e 2009. A Academia Galega do Audiovisual, que transmite as súas condolencias, lembra que foi tamén a primeira persoa en entregar un premio Mestre Mateo, no ano 2003. [Imaxe: © Academia Galega do Audiovisual]
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia entrega este venres en Rianxo (18h, Pazo de Rianxiño) o Premio de Comunicación Xoán Vicente Viqueira, que gañou a xornalista de Praza.gal Ana G. Liste coa súa reportaxe sobre a tensión familiar pola COVID na infancia.
A xustiza ordena convocar o pleno extraordinario da Deputación de Pontevedra que lle foi denegado en decembro de 2021 aos deputados do PP para instar á presidenta do ente, Carmela Silva, a asumir responsabilidades políticas tras a sentenza do Tribunal Supremo que condenou a cinco anos e tres meses de prisión e a nove anos de inhabilitación a un funcionario do Concello de Vigo por participar nunha trama de contratación irregular da que se beneficiou a súa cuñada.
A maxistrada, que non entra a valorar se a Deputación ten competencia para abordar o sucedido no Concello de Vigo, asegura que "o que en ningún caso procede en dereito é impedir a celebración dun pleno que reúne os requisitos formais para iso". Contra esta resolución cabe presentar recurso de apelación. [Na imaxe, o salón de plenos da sede da Deputación de Pontevedra CC-BY-SA DePo]
O Parlamento votará en pleno o vindeiro martes, día 24, a designación de Feijóo e Tellado como senadores a proposta do PP. Así ficou confirmado na orde do día abordada na Mesa e na Xunta de Portavoces. O obxectivo da elección é que o ex-presidente da Xunta e líder do PP teña a oportunidade de confrontar con Pedro Sánchez nalgúns debates. Os dous escanos por elección da Cámara galega que corresponden aos populares ocupábanos a ex-conselleira Elena Muñoz, anterior candidata á alcaldía de Vigo, e mais Juan Serrano, ex-alcalde de Portomarín. Na imaxe, Feijóo co presidente da Xunta na súa toma de posesión, o pasado sábado.
O Ministerio de Sanidade activa unha alerta por oito casos sospeitosos de varíola dos monos en Madrid. GCiencia explica neste artigo os datos que se coñecen sobre este posible foco e as principais características da doenza. A confirmación realizarase nas instalacións do Centro Nacional de Microbioloxía, dependente do Estado (na imaxe, de arquivo). En Portugal, as autoridades sanitarias dan por confirmados cinco casos.
Morre o escritor Domingo Villar aos 51 anos como consecuencia do infarto cerebral polo que foi ingresado o pasado luns no hospital Álvaro Cunqueiro. O falecemento foi confirmado este mércores pola editorial Galaxia [Imaxe: © Editorial Siruela]
Aberto dende hoxe e ata o día 26 o prazo de inscrición nos campamentos de verán e campos de voluntariado da Xunta. A campaña conta cun total de 10.800 prazas para xullo, agosto e setembro Pódese consultar toda a información e formularios nesta ligazón. Na imaxe [CC BY-SA Xunta], unha actividade nun destes campamentos.
Persoal e familiares reclaman retirar a licenza á residencia da terceira idade Mi Casa, en Pazos de Borbén, por "non cumprir as normas sanitarias e hixiénicas básicas". infoLibre informa da denuncia e das inspeccións en marcha por parte da Xunta, así como da reacción do centro, que considera "falsas" as acusacións, xa que "se fosen certas, pecharíannos o centro".
Pedro Puy recibe a alta hospitalaria despois do infarto que o sacou do Parlamento durante a sesión de investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta. O portavoz do Partido Popular na Cámara galega permaneceu catro días ingresado no Hospital Clínico de Santiago e aínda non retomará a súa actividade.