O DOG publica este xoves os dous festivos locais que haberá en cada Concello en 2020. Súmanse aos 12 estatais e autonómicos xa aprobados que o próximo ano terán como principal novidade o día de San Xoán. (Imaxe: Xunta)
Fálase
O xulgado que investiga o accidente de Angrois vén de prorrogar novamente a instrución pola súa complexidade. Tras a reforma legal que limitou os tempos de instrución, esta é unha formalidade que deben cumprir as causas máis difíciles para obter sucesivas prórrogas de ano e medio coas que neste caso veñen estando de acordo tamén as partes e a Fiscalía. O próximo paso será interrogar a varios técnicos de Talgo para aclarar o suposto borrado de datos do tren.
Traballadores bloquean a entrada á central térmica das Pontes nunha protesta que se estenderá ata as 7 da tarde, cando se unirán á manifestación en Ferrol pola reindustralización das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Concello e persoal piden a Endesa que aclare o resultado das probas con alternativas ao carbón logo de que anunciase que pechará as instalacións antes de 2022.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza hoxe na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC a xornada Desinformación e ameazas á liberdade de expresión: Retos do xornalismo ante a irrupción dos extremismos. No encontro participan persoas expertas nestes eidos tanto do mundo académico como de diferentes medios, entre elas o director de Praza.gal, David Lombao.
Falece aos 75 anos Manoel Soto, primeiro alcalde democrático de Vigo tras a ditadura (1979-1991) polo PSdeG. Soto lideraría posteriormente outras formacións como Progresistas Vigueses ou o reconstituído Partido Galeguista. (Imaxe: Concello de Vigo)
Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta, os monicreques de Kukas, Amancio Prada, O sabor das margaridas, a docente Pilar Ponte -impulsora do proxecto 21 días co galego-, a restauración do Pórtico da Gloria e o proxecto Galego en Londres recibirán os Premios da Cultura Galega deste 2019, segundo o ditame do xurado feito público este mércores.
A Xunta reduce a un 12,7% o seguimento da folga de persoal médico na Atención Primaria, que os convocantes elevan a máis do 50%, aínda que con moito máis éxito en áreas como a de Vigo, Ferrol e Pontevedra. A Asemblea de Áreas Sanitarias fala de "bos datos".
O Goberno central logra convalidar no Congreso o decreto que amplía as razóns para poder pechar sitios web sen orde xudicial, dirixido en primeiro lugar a clausurar a república dixital catalá. A iniciativa tivo o voto a favor de PSOE, PP e Cs, foi rexeitado por ERC e PNV e contou coa abstención de Unidas Podemos. Nesa entrevista Víctor Sampedro denunciaba a medida, sinalando que "todos os recortes de liberdades que se aplican en Internet acaban sendo traducidos despois ás rúas"
A mellora nas condicións meteorolóxicas permite reiniciar os traballos para baleirar de combustible o Blue Star, o barco encallado en Ares dende o sábado, segundo informa a Delegación do Goberno de España. O helicóptero Helimer está a trasladar persoal técnico e da tripulación para retomar estes labores.
Barcos fabricados na ría de Vigo para usos militares foron exportados como civís a Marrocos, que os usa para perpetuar a ocupación no Sáhara Occidental, segundo unha investigación de eldiario.es e Lighthouse Reports