APAGAMENTO | A Xunta garante os servizos sanitarios "grazas aos grupos electróxenos". O presidente Rueda activa o Plan de Emerxencias de Galicia.

APAGAMENTO | A Xunta garante os servizos sanitarios "grazas aos grupos electróxenos". O presidente Rueda activa o Plan de Emerxencias de Galicia.
Interrompido o subministro eléctrico en amplas zonas da Península Ibérica sen que polo momento se coñezan as razóns. En Galicia, o apagamento atinxe cando menos ás principais cidades e afecta tamén, segundo puido confirmar Praza, a equipamentos públicos coma hospitais.
Red Eléctrica confirma un "cero ocorrido no sistema peninsular" e asegura ter activos "plans de reposición do subministro en colaboración coas empresas do sector". "Estanse analizando as causas e dedicando todos os recursos para solventalo", agrega.
"Amor de auga lixeira", do IES Rafael Dieste, gaña o premio Imaxina. O proxecto do alumnado de 3º da ESO do Instituto Rafael Dieste, baixo a coordinación da profesora Mónica Reixía, obtén o galardón da feira científica en recoñecemento ao seu compromiso social. "Amor de auga lixeira" é unha iniciativa que procura a reivindicación e recuperación das fontes tradicionais da cidade mediante: análise da calidade das augas, estudo de potabilidade, creación de contidos dixitais, catalogación patrimonial ou elaboración de roteiros. O premio inclúe material dixital, 500 euros para gasto en material de laboratorio e a viaxe ao País Vasco para participar na feira científica Zientzia Azoka de Bilbao.
Yolanda Díaz asegura que o Goberno comparte o rexeitamento “á aberración ambiental de Altri”. Yolanda Díaz cualifica o proxecto de Altri de aberración ambiental e asegura que o rexeitamento é compartido no seo do Goberno. Durante unha entrevista na Cadena Ser Galicia, Díaz considera unha barbaridade o apoio da Xunta á macrocelulosa proxectada en Palas de Rei.
No que respecta a Sargadelos, tras os despedimentos comunicados, advirte de que a lei manda, polo que o Goberno non aceptará "chantaxes". Díaz informou que xa enviou unha carta a Segismundo García, a quen pide que recapacite.
Os premios Follas Novas recoñecen a Rosa Aneiros en narrativa, María Landesa en poesía e Paula Carballeira en teatro. Os premios Follas Novas do Libro Galego veñen de entregar os seus galardóns anuais no Teatro Principal de Santiago. O premio á obra de narrativa foi para A noite das cebolas, de Rosa Aneiros (Edicións Xerais de Galicia). O premio ao libro de poesía recoñeceu Os pozos elegantes das clavículas, de María Álvarez Landesa (Alvarellos Editora). E o premio ao libro de teatro foi para Ubasute, de Paula Carballeira (Editorial Galaxia).
Manuel Rivas e Daniel Salgado, gañadores dos Premios da Crítica Española. Os Premios da Asociación Española da Crítica recoñeceron as obras publicadas en 2024 dos escritores galegos Manuel Rivas e Daniel Salgado, xunto coas de Luís Garde, Eduardo Halfon, Tomás Sánchez Santiago, Joan Vigó, Adrià Targa e Karmele Mitxelena.
Sargadelos anuncia tres despedimentos na factoría de Cervo tras o expediente da Inspección de Traballo. Sargadelos comunicou este venres tres despedimentos nas súas instalacións de Cervo, cuxa fábrica se atopa actualmente expedientada pola Inspección de Traballo debido a deficiencias en materia de seguridade laboral, segundo informou o xornal El Progreso, citando a Europa Press. Estes despedimentos laborais prodúcense apenas dúas semanas despois do polémico peche temporal que o propietario, Segismundo García, impuxo a principios de mes como resposta ao expediente sancionador.
O BNG reclama ao Goberno manter os caixeiros multitarxeta no rural galego. O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar ao Goberno do Estado que rectifique con urxencia a súa decisión de retirar os caixeiros multitarxeta instalados por Correos no rural galego e garanta a continuidade e ampliación deste servizo esencial. A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistra unha batería de iniciativas na cámara alta co obxectivo de frear a supresión destes dispositivos e instar á súa restitución inmediata nas localidades afectadas.
O alcalde de Agolada, condenado a tres anos e medio de cárcere e inhabilitado 13 anos e medio por falsidade documental e prevaricación ao precintar a depuradora dunha empresa dedicada ao sector lácteo. A Audiencia de Pontevedra sentencia que a orde de precinto "foi tomada polo alcalde prescindindo total e absolutamente de todo trámite procedemental". O rexedor, Luís Calvo, goberna en maioría absoluta á fronte do partido Anticorrupción y Justicia.
O Goberno central aprobará o próximo martes o proxecto de lei de redución da xornada laboral. Iniciará así a súa tramitación parlamentaria coa que se pretende baixar a xornada das 40 horas semanais ás 37,5.