Persoal de R e das súas auxiliares volveuse mobilizar este mércores na Coruña contra os despedimentos e a deslocalización de servizos da compañía. (Imaxe: @RebelinAluminio)
Fálase
Pedro Sánchez anuncia unha rolda de contactos con sindicatos e colectivos sociais como paso previo a ofrecer un pacto programático para a investidura a Unidas Podemos, con quen o PSOE xa desbota formar un Goberno de coalición tras o fracaso da pasada semana.
O Concello de Trabada vén de escoller á segunda familia que habitará unha das vivendas que ofrecía de balde na localidade a quen matriculase dous ou máis nenos de 3 a 6 anos no colexio da vila. A familia, orixinaria de Guadalaxara, ten dous xemelgos de catro anos e unha nena de once, e coas súas matrículas asegúrase a continuidade na unidade de Infantil da escola. A Xunta anunciou esta semana o peche doutra seis escolas unitarias.
VÍDEO | Vinte almorza cos Malraio e Deleite no polígono compostelán do Tambre, na nave na que ensaian os temas do seu primeiro disco, que sairá proximamente. A banda actúa este venres no ciclo Atardecer no Gaiás. Podes ver aquí o vídeo íntegro
O CIS sitúa o PSdeG en cabeza das expectativas de voto en Galicia ante unhas eventuais novas eleccións xerais. O indicador que ofrece o último barómetro é de voto máis simpatía, que non equivale a unha estimación de sufraxios e non permite proxección de escanos. Nas pasadas eleccións xerais do 28A o PSdeG foi o máis votado con algo máis de catro puntos sobre o PP.
En Marea anuncia os novos postos da súa dirección tras as últimas eleccións internas, con Luís Villares como voceiro, "coa vista posta nas eleccións de 2020". O seu obxectivo, afirman, é consolidarse "no espazo progresista centrándose no feminismo, no ecoloxismo político e na loita contra a precariedade".
A compostelá Marta González deixa de ser vicesecretaria de comunicación do PP, posto no que fora nomeada hai un ano, tras a chegada de Pablo Casado ao liderado do partido, no que fora lido como unha chiscadela á dirección do PPdeG. Casado substitúea por Pablo Montesinos, xornalista de Libertad Digital ao que fichou para as candidaturas do partido no 28A. Na mesma reestruturación sitúa o deputado por Lugo Jaime de Olano como vicesecretario de Participación.
O PSdeG propón a María Xosé Porteiro como nova adxunta á Valedora do Pobo. Porteiro, xornalista de profesión, foi edil do PSdeG en Vigo e deputada socialista no Parlamento. Tamén exerceu como delegada da Xunta na Arxentina e no Uruguai na etapa do Goberno de coalición de PSdeG e BNG.
CGT reclama un aumento de persoal en Renfe cunha folga este mércores 31 de xullo que se repetirá os días 14 e 30 de agosto e 1 de setembro. Os paros serán entre as 12 e as 16 horas e entre as 20 e as 24 horas. Os servizos mínimos en Media Distancia serán do 65% e en Longa Distancia do 78%.
O ex-ministro de Xustiza Rafael Catalá volve traballar para a empresa de xogo e apostas Codere, para a que xa traballara de 2005 a 2011, mentres medra a presión sobre os gobernos para limitar a súa expansión. En Galicia está a tramitarse a nova lei do xogo. Unha información de El Confidencial