Pedro Castillo, destituído como presidente do Perú e detido tras anunciar a disolución do Congreso e a formación dun Goberno de excepción. Dina Boluarte (na imaxe), ata agora vicepresidenta, substitúe xa a Castillo na xefatura do Estado.
Fálase
A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña María Dolores Sánchez Palomino ingresará o sábado 17 de decembro na Real Academia Galega como membro de número. Recoñecida internacionalmente como lexicógrafa, dirixe a revisión do 'Dicionario bilingüe castelán-galego' da Academia –que estará dispoñible proximamente en liña– e mais a Rede de Lexicografía RELEX, na que participan máis dun cento de investigadores de distintos países. Sánchez Palomino é académica correspondente dende 2004 e participa de maneira continuada na revisión e actualización do dicionario da RAG.
A Audiencia Provincial da Coruña desestima os recursos de apelación da Fundación Francisco Franco e a familia do ditador contra a decisión do Xulgado de Betanzos de arquivar a causa aberta contra as persoas que ocuparon simbolicamente o Pazo de Meirás no ano 2017, os autodenominados '19 de Meirás', maioritariamente militantes do BNG. A Audiencia destaca que non pode haber 'delito de odio' polo feito de "empolicarse a unha das soberbias torres do Pazo de Meirás e exhibir unha pancarta reivindicativa da titularidade pública dese Ben de Interese Cultural nun converxente contexto social de reclamación por parte da cidadanía". Tamén descarta o delito de violación de morada, xa que o inmoble estaba en horas de apertura a visitas guiadas
A actual vicepresidenta e ex-presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner é condenada a seis anos de cadea por administración fraudulenta en obras públicas. A política peronista tamén é inhabilitada a perpetuidade para cargo público pero poderá recorrer. O fallo absólvea do cargo de asociación ilícita polo que tamén era acusada. [Imaxe: Casa Rosada]
O Goberno de Isabel Díaz Ayuso critica que coa elección de “La Coruña” como sede da Axencia de Intelixencia Artificial Pedro Sánchez “volveu traizoar a Madrid”. O vicepresidente e portavoz da Comunidad de Madrid, Enrique Ossorio, considera que coa designación da Coruña e Sevilla para as dúas novas axencias inténtase “cortar o crecemento” da capital do Estado.
#AESIA A Axencia Española de Intelixencia Artificial estará na Coruña. Así o vén de aprobar o Consello de Ministros
O DOG publica o decreto polo que a Xunta pagará 206 euros como complemento anual das pensións non contributivas, mesma contía desde 2011 que non subirá ata o próximo ano aos 220,50 euros.
Veciñanza lucense de orixe colombiana concéntrase en repulsa polo asasinato de Cristina Cabo. Á concentración sumáronse membros da corporación municipal encabezados pola alcaldesa, Lara Méndez, que insta a "non estigmatizar" unha comunidade "integrada na sociedade lucense e que forma parte de maneira activa e positiva na vida da cidade" polo feito de que o asasino confeso, chegado a Lugo pouco antes do crime, fose desta nacionalidade.
A pasada noite foi xélida en gran parte de Galicia, especialmente en áreas do interior, con ata -7,7 graos en Calvos de Randín, segundo os rexistros de Meteogalicia. Para este domingo, prevénse "algúns chuvascos illados e ocasionais, máis probables na metade sur durante a tarde e na metade oeste pola noite" e as temperaturas "permanecerán sen cambios significativos", di o prognóstico.
Dependentas de Inditex na provincia da Coruña acordan volver á folga na véspera de Noiteboa, o vindeiro día 23, tras o primeiro paro do pasado 25 de novembro, cadrando co black friday (na imaxe). A principal reivindicación, subliña a CIG, segue sendo "un incremento progresivo dos seus soldos que en tres anos acade os 440 euros ao mes, pero a empresa limita esta suba a un total de 182,93 en 2024 malia rexistrar beneficios milmillonarios"