O DOG publica o decreto polo que a Xunta pagará 206 euros como complemento anual das pensións non contributivas, mesma contía desde 2011 que non subirá ata o próximo ano aos 220,50 euros.

O DOG publica o decreto polo que a Xunta pagará 206 euros como complemento anual das pensións non contributivas, mesma contía desde 2011 que non subirá ata o próximo ano aos 220,50 euros.
Veciñanza lucense de orixe colombiana concéntrase en repulsa polo asasinato de Cristina Cabo. Á concentración sumáronse membros da corporación municipal encabezados pola alcaldesa, Lara Méndez, que insta a "non estigmatizar" unha comunidade "integrada na sociedade lucense e que forma parte de maneira activa e positiva na vida da cidade" polo feito de que o asasino confeso, chegado a Lugo pouco antes do crime, fose desta nacionalidade.
A pasada noite foi xélida en gran parte de Galicia, especialmente en áreas do interior, con ata -7,7 graos en Calvos de Randín, segundo os rexistros de Meteogalicia. Para este domingo, prevénse "algúns chuvascos illados e ocasionais, máis probables na metade sur durante a tarde e na metade oeste pola noite" e as temperaturas "permanecerán sen cambios significativos", di o prognóstico.
Dependentas de Inditex na provincia da Coruña acordan volver á folga na véspera de Noiteboa, o vindeiro día 23, tras o primeiro paro do pasado 25 de novembro, cadrando co black friday (na imaxe). A principal reivindicación, subliña a CIG, segue sendo "un incremento progresivo dos seus soldos que en tres anos acade os 440 euros ao mes, pero a empresa limita esta suba a un total de 182,93 en 2024 malia rexistrar beneficios milmillonarios"
O pleno de Frades, con maioría absoluta do PP (7 edís) aproba por unanimidade unha moción do PSdeG (3 edís) para instar a Xunta a cubrir os postos dos médicos titulares no Concello cando non poidan acudir a prestar servizo e mais a restablecer o servizo de pediatría, actualmente centralizado en Ordes. A iniciativa tivo o apoio do grupo do goberno, do propoñente e mais do BNG (1 edil). O PP local asegura "sumarse ás queixas polo servizo" pero matiza que "estamos falando dun problema" de todo o Estado que consiste en "que non hai médicos, non que falten cartos".
O PP aproba, cos votos en contra de BNG e PSdeG, que o Parlamento inste a Xunta a reclamar a Pedro Sánchez "non levar a cabo ningunha modificación do Código penal que supoña derrogar o delito de sedición" e "ratificar" o artigo da Constitución relativo á unidade de España.
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego descenderon en 962 durante o mes de novembro en Galicia (-0,67%, fronte ao -1,15% na media estatal) e quedaron en 142.758, o que supón 9.989 menos que hai un ano (isto é, un -6,54% interanual e na media do Estado, -9,47% interanual). No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social descendeu en 1.093 persoas (-0,10%), mentres que o total estatal quedou practicamente plano (un descenso de 155). O total de cotizantes en Galicia mantense en 1,047 millóns, isto é, 12.110 máis que doce meses antes (+1,17% interanual e na media, +2,69%).
O xulgado envía a prisión provisional, comunicada e sen fianza ao autor confeso do asasinato de Cristina Cabo en Lugo. Tras a súa declaración ante a xuíza, na que "ratificou" o declarado ante a Policía, foi trasladado á vivenda onde a matou para realizar unha reconstrución do crime. Está acusado de homicidio "sen prexuízo do que depare a instrución", especifica o TSXG
O proxecto Ponte... nas ondas logra ser recoñecido pola UNESCO como exemplo de boas prácticas na defensa do patrimonio cultural inmaterial. O 17º Comité da organización cultural da ONU, que se está a desenvolver en Rabat, vén de ratificar o recoñecemento para esta iniciativa galego-portuguesa. [Imaxe: © UNESCO]
SOS Sanidade Pública concéntrase en diferentes puntos do país para sumar apoios á Iniciativa Lexislativa Popular que levarán ao Parlamento con medidas "para revitalizar e fortalecer os mecanismos sanitarios de atención primaria". "Reivindicamos un novo modelo de atención primaria que responda ás necesidades da poboación, dotado dos recursos necesarios para atender os problemas e demandas de saúde da poboación, baseado na promoción, prevención, participación social e traballo comunitario", salientan no manifesto. [Fotografía da concentración en Compostela CC-BY-SA BNG Santiago]