PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego descenderon en 962 durante o mes de novembro en Galicia (-0,67%, fronte ao -1,15% na media estatal) e quedaron en 142.758, o que supón 9.989 menos que hai un ano (isto é, un -6,54% interanual e na media do Estado, -9,47% interanual). No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social descendeu en 1.093 persoas (-0,10%), mentres que o total estatal quedou practicamente plano (un descenso de 155). O total de cotizantes en Galicia mantense en 1,047 millóns, isto é, 12.110 máis que doce meses antes (+1,17% interanual e na media, +2,69%).
Fálase
O xulgado envía a prisión provisional, comunicada e sen fianza ao autor confeso do asasinato de Cristina Cabo en Lugo. Tras a súa declaración ante a xuíza, na que "ratificou" o declarado ante a Policía, foi trasladado á vivenda onde a matou para realizar unha reconstrución do crime. Está acusado de homicidio "sen prexuízo do que depare a instrución", especifica o TSXG
O proxecto Ponte... nas ondas logra ser recoñecido pola UNESCO como exemplo de boas prácticas na defensa do patrimonio cultural inmaterial. O 17º Comité da organización cultural da ONU, que se está a desenvolver en Rabat, vén de ratificar o recoñecemento para esta iniciativa galego-portuguesa. [Imaxe: © UNESCO]
SOS Sanidade Pública concéntrase en diferentes puntos do país para sumar apoios á Iniciativa Lexislativa Popular que levarán ao Parlamento con medidas "para revitalizar e fortalecer os mecanismos sanitarios de atención primaria". "Reivindicamos un novo modelo de atención primaria que responda ás necesidades da poboación, dotado dos recursos necesarios para atender os problemas e demandas de saúde da poboación, baseado na promoción, prevención, participación social e traballo comunitario", salientan no manifesto. [Fotografía da concentración en Compostela CC-BY-SA BNG Santiago]
O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, entrega unha medalla ao seu director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, pola súa “especial dedicación nos incendios forestais do pasado verán".
A Audiencia de Pontevedra condena o alcalde pedáneo de Bembrive, en Vigo, do PSdeG, por prevaricación ao adxudicar contratos para a festa da sidra. O tribunal di que contratou a dedo a sidra por 120.000 euros en 2019 e 130.000 en 2020 cunha “omisión reiterada, voluntaria e deliberada das normas administrativas”. [Imaxe: Concello de Vigo]
Slipknot, Pantera e Ghost encabezan o cartel do Resurrection Fest Estrella Galicia, que se celebrará en Viveiro entre o 28 de xuño e o 1 de xullo de 2023. O festival anunciou esta mañá as primeiras 80 bandas da súa programación. Papa Roach, Architects, Alter Bridge, Powerwolf, Behemoth, The Ghost Inside, Fever 333, Motionless In White e Lacuna Coil actuarán tamén no escenario principal do evento.
A ministra de Igualdade acusa o PP de "promover a cultura da violación que pon en cuestión a credibilidade das vítimas" con campañas como a da Xunta polo 25N. Irene Montero respondía unha pregunta dos populares sobre a lei de liberdade sexual e foi reprendida pola presidenta do Congreso, Meritxell Batet (PSOE) por utilizar esa expresión mentres Jaime de Olano, deputado do PP por Lugo, a acusaba de "estar chamándonos violadores".
O Chanfaina Lab, galardoado co XI Premio Especial José Sellier, que concede a Academia Galega do Audiovisual. Este proxecto de creación colectiva leva celebrándose en San Sadurniño dende o ano 2014. Durante unha fin de semana realizadores e realizadoras de toda Galicia xúntanse para elaborar unha peza audiovisual coas xentes, historias e paisaxes deste concello, ao que regresan para presentar os traballos.
O Tribunal Superior de Xustiza anula a instrución coa que o Sergas permitiu que o persoal de farmacia de Atención Primaria renove receitas de medicamentos. En resposta a un recurso do Consello Galego de Colexios Médicos, o TSXG conclúe que a Xunta "vulnerou de forma clara e flagrante as funcións" que a lei atribúe a este persoal e desbota que tomase a medida por razóns ligadas á pandemia da COVID, como fixera anteriormente. "Non consta informe, estudo, memoria ou proposta ningunha que avale a necesidade do contido" esta instrución, conclúe. Na imaxe, o conselleiro de Sanidade e a xerente do Sergas, nunha reunión con persoal de farmacia de Atención Primaria, o pasado xullo.