O DOG publica o decreto que regula a matrícula escolar para o curso 2022-23, con novos criterios para a admisión do alumnado. Máis puntos por domicilio, por parto múltiple ou para infancia afectada pola violencia machista no seu fogar, entre as principais novidades.
Fálase
A Xunta elimina dende as 00:00 do sábado as restricións horarias á hostalería pola COVID e os límites quedan nos que "marque a licenza de cada local", confirma Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. O Goberno galego solicitou ao TSXG que o certificado COVID siga sendo preciso nestes negocios (e nos demais ámbitos onde se esixe actualmente) ata o día 26.
O Ministerio de Traballo confirma o acordo cos sindicatos CC.OO. e UGT para subir 35 euros o salario mínimo interprofesional, ata os 1.000 euros mensuais con efecto retroactivo dende o 1 de xaneiro. A patronal CEOE desmarcouse do pacto. As centrais sindicais viñan reclamando concretar o incremento do SMI para paliar os efectos das fortes subas de prezos.
O Consello de Ministros aproba a supresión da máscara obrigatoria no exterior. A nova norma entra en vigor o xoves "recomenda o seu uso en aglomeracións" e mantena "excepcionalmente, en eventos multitudinarios ao aire libre onde non se poida manter unha distancia mínima de 1,5 metros". A decisión do Goberno centra contempla tamén a retirada da obriga nos patios escolares, se ben isto depende en última instancia da Xunta. [Foto: CC BY-SA Ana Varela / Xunta]
Xa está dispoñible o trailer do documental 'Nada que ver', que repasa os 25 anos de historia de CUAC FM e que se estreará este xoves no Teatro Colón da Coruña. O filme destaca a función da radio como "altofalante" da cidade e afonda da reivindicación de que os medios comunitarios vexa recoñecido o seu dereito a contar con licenzas de emisión
Persoal investigador concentrouse este luns en Santiago para demandar melloras na futura Lei de Ciencia, actualmente en tramitación. Finalmente, todo o persoal investigador terá dereito á indemnización ao remate dos seus contratos, como reclamaban as entidades do sector. Porén, entidades como Investigal ou a Asemblea de Insvestigadores de Compostela denuncian que a norma "deixa outras cuestións de urxencia sen abordar", como a elaboración dun Estatuto do Persoal de Investigación ou o incremento da retribución mínima dos contratados predoctorais desde o primeiro momento do contrato
O Consello Interterritorial de Saúde aproba a fin da máscara obrigatoria ao aire libre aínda que haxa distancia de seguridade. A modificación desta restrición, que recibiu o visto e prace do Congreso a pasada semana, será ratificada este martes polo Consello de Ministros, que -á espera da redacción definitiva- manterá o uso "recomendado" en exteriores en caso de aglomeración. A medida fora recuperada o pasado decembro entre peticións de varios gobernos de comunidades autónomas, entre eles a Xunta. Na imaxe [© Concello da Coruña], dúas persoas pasean con máscara á beira do mar na Coruña.
Greenpeace reclama un Tratado Global dos Océanos dende o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Trinta persoas voluntarias da organización despregaron faixas na Illa de Cortegada para alertar sobre a emerxencia ambiental que sofren os océanos
Os centros de ensino de Santiago que reúnan máis de 500 votos para a escolla do carballo do Bosque do Banquete de Conxo como árbore europea do ano darán nome a un bosque de nova creación en Compostela, formado por algúns dos 100.000 exemplares de especies autóctonas que o Concello prevé plantar ata o ano 2030. A votación está aberta ata o 28 de febreiro e polo de agora o carballo figura en segunda posición.
Comeza nestes momentos o roteiro por Compostela co que se celebra o Día dos Medios en Galego, que baixo o lema 'Bota a lingua a pacer' conmemora o aniversario do primeiro número de O Tío Marcos d'A Portela, o primeiro xornal de masas en lingua galega.