O Consello de Ministros aproba a baixada do IVE do gas, que pasa do 21% ao 5% dende outubro. Confirma, ademais, que Galicia recibirá 11,28 millóns de euros do total de 172 distribuídos para o Plan de Acción de Atención Primaria que, ten, entre outros obxectivos o de "fomentar a calidade asistencial e a práctica baseada na evidencia científica" con, por exemplo, maior integración entre a atención dos centros de saúde e os hospitais. [Imaxe: © Pool Moncloa/Diego del Monte]
Fálase
Falece a académica da Real Academia Galega de Belas Artes Ana Goy Diz. Catedrática de Historia da Arte da Universidade de Santiago, onde exercía desde a Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, Goy Diz accedeu á Real Academia Galega de Belas Artes como académica numeraria o pasado mes de maio cun discurso de ingreso arredor da “Ribeira Sacra: a construción dunha paisaxe cultural”. Nos últimos anos, a historiadora lucense formou parte activa dos traballos para a promoción da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.
O Estado autoriza a Endesa a pechar dous dos catro grupos da central térmica das Pontes e condiciona a autorización ao peche dos outros dous "ao reforzo da dispoñibilidade de potencia no sistema eléctrico". Faino tras pedir novos informes a Red Eléctrica "á vista das tensións provocadas nos mercados enerxéticos pola guerra na Ucraína e a elevada exportación de electricidade provocada pola seca e a indispoñibilidade de boa parte do parque nuclear francés". [Imaxe: © Endesa]
- AMPLIAMOS 👉 O Estado autoriza o peche de media central de Endesa nas Pontes
- HEMEROTECA | A demora do peche definitivo planea sobre a térmica das Pontes e o persoal da central pide acelerar os proxectos de renovables
- HEMEROTECA | Endesa insiste en pechar nas Pontes e "acelerar o cumprimento dos compromisos de descarbonización"
A derradeira fin de semana do verán finaliza en Galicia con temperaturas de ata 35 graos en comarcas do interior e co termómetro entre 25 e 30 graos de máxima na maior parte do país, segundo datos de Meteogalicia. Así e todo, resalta que no terzo norte houbo localidades que non pasaron dos 20.
Rueda anuncia a súa primeira viaxe internacional como presidente, que terá Arxentina e Uruguai como destino do 13 ao 17 de outubro, entre a primeira e a segunda xeira de xuntanzas con alcaldes e alcaldesas. "Terá unha axenda marcada por encontros con representantes diplomáticos españois e con autoridades do máis alto nivel de ambos os dous países", indica a Xunta nun comunicado. Na imaxe, o presidente da Xunta co secretario xeral de Emigración.
O Breogán gaña a Copa Galicia de baloncesto masculino tras vencer por 79-82 ao Obradoiro nunha igualada final que se decidiu nos instantes finais do partido. Nas semifinais do torneo, disputado no Paco Paz de Ourense, os dous equipos galegos da ACB eliminaran aos dous da LEB Ouro: o conxunto compostelán impúxose ao Básquet Coruña por 99-78 e o lucense, ao Club Ourense Baloncesto por 59-97. [Imaxe: © Federación Galega de Baloncesto]
Falece aos 77 anos José García Buitrón. Médico de profesión, foi pioneiro dos transplantes na sanidade pública galega, ámbito no que foi coordinador para toda Galicia dende os anos 80 e ata 2007 dende o CHUAC coruñés, que dirixiu de 2005 a 2007. Mantivo unha fonda implicación política e social tanto no eido profesional como partidario, no que participou activamente en Unidade Galega, o PSOE e, mais recentemente, en Podemos, formación a través da cal foi senador por En Marea.
- OBITUARIO | José García Buitrón, compromiso humanista
Lugo acolle hoxe a segunda xornada do Caudal Fest. Tras un concorrido primeiro día con bandas e artistas como Izal, Estopa ou Grande Amore, hoxe é quenda para grupos como Agoraphobia ou Ilegales, con Robe Iniesta como cabeza de cartel. A celebración do festival no lucense paseo do Miño propiciou un cheo absoluto nas prazas hoteleiras da cidade. [Imaxe: © Caudal Fest]
Francisco Jorquera recuncará como candidato do BNG á alcaldía da Coruña en 2023. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, presentouno este venres como "garantía" de "alcalde con mans libres para defender os intereses da cidade". "A nosa vocación non é ser concelleiros e concelleiras doutro Executivo, senón ser a alternativa e liderar esta cidade", mantivo Jorquera.
O incremento interanual dos prezos rematou agosto nun 9,1% na zona euro, algo máis de medio punto por riba do dato de xullo. Deste xeito, trece Estados teñen unha inflación menor á española (10,5%) e outros tantos, maior. A inflación de Galicia está no 11%, por riba da media estatal e tamén da zona euro. [Imaxe: © Eurostat]