O secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, será o responsable da mesma área na dirección estatal do PP. Ás ordes de Miguel Tellado, Rodríguez Miranda será outro máis dos varios populares galegos cos que Feijóo seguirá contando en Madrid.
Fálase
O Sergas detecta un caso sospeitoso de varíola do mono. Trátase dunha persoa con síntomas "compatibles" coa doenza e que "non está hospitalizada", sinala a Consellería de Sanidade, que detalla a activación dun "protocolo" para que "todo o persoal sanitario teña claros os criterios para identificar" posibles casos. Ata o xoves, o Centro Nacional de Microbioloxía do Instituto Carlos III analizara 30 casos sospeitosos, confirmou 7 e estaba á espera dos restantes 23. Neste espazo, GCiencia ofrece máis información sobre a varíola do mono. Na imaxe, de arquivo, instalacións do ISCIII
O PP confirma que Elena Candia, presidenta provincial do partido en Lugo e ex-alcaldesa de Mondoñedo, será a nova vicepresidenta do Parlamento en substitución de Diego Calvo, que abandona o cargo na Mesa da Cámara tras o seu nomeamento como vicepresidente segundo da Xunta. A remuda abordarase o día 24 no pleno ordinario, que se celebrará xusto despois do extraordinario no que os populares votarán a designación de Feijóo e Tellado como senadores.
Falece o actor estradense Chete Lera nun accidente de tráfico na provincia de Málaga. Lera, nado en 1949, deixa unha ampla traxectoria teatral e cinematográfica dende finais dos anos 70 do século pasado e recibiu numerosos galardóns, entre eles dous premios Mestre Mateo en 2008 e 2009. A Academia Galega do Audiovisual, que transmite as súas condolencias, lembra que foi tamén a primeira persoa en entregar un premio Mestre Mateo, no ano 2003. [Imaxe: © Academia Galega do Audiovisual]
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia entrega este venres en Rianxo (18h, Pazo de Rianxiño) o Premio de Comunicación Xoán Vicente Viqueira, que gañou a xornalista de Praza.gal Ana G. Liste coa súa reportaxe sobre a tensión familiar pola COVID na infancia.
A xustiza ordena convocar o pleno extraordinario da Deputación de Pontevedra que lle foi denegado en decembro de 2021 aos deputados do PP para instar á presidenta do ente, Carmela Silva, a asumir responsabilidades políticas tras a sentenza do Tribunal Supremo que condenou a cinco anos e tres meses de prisión e a nove anos de inhabilitación a un funcionario do Concello de Vigo por participar nunha trama de contratación irregular da que se beneficiou a súa cuñada.
A maxistrada, que non entra a valorar se a Deputación ten competencia para abordar o sucedido no Concello de Vigo, asegura que "o que en ningún caso procede en dereito é impedir a celebración dun pleno que reúne os requisitos formais para iso". Contra esta resolución cabe presentar recurso de apelación. [Na imaxe, o salón de plenos da sede da Deputación de Pontevedra CC-BY-SA DePo]
O Parlamento votará en pleno o vindeiro martes, día 24, a designación de Feijóo e Tellado como senadores a proposta do PP. Así ficou confirmado na orde do día abordada na Mesa e na Xunta de Portavoces. O obxectivo da elección é que o ex-presidente da Xunta e líder do PP teña a oportunidade de confrontar con Pedro Sánchez nalgúns debates. Os dous escanos por elección da Cámara galega que corresponden aos populares ocupábanos a ex-conselleira Elena Muñoz, anterior candidata á alcaldía de Vigo, e mais Juan Serrano, ex-alcalde de Portomarín. Na imaxe, Feijóo co presidente da Xunta na súa toma de posesión, o pasado sábado.
O Ministerio de Sanidade activa unha alerta por oito casos sospeitosos de varíola dos monos en Madrid. GCiencia explica neste artigo os datos que se coñecen sobre este posible foco e as principais características da doenza. A confirmación realizarase nas instalacións do Centro Nacional de Microbioloxía, dependente do Estado (na imaxe, de arquivo). En Portugal, as autoridades sanitarias dan por confirmados cinco casos.
Morre o escritor Domingo Villar aos 51 anos como consecuencia do infarto cerebral polo que foi ingresado o pasado luns no hospital Álvaro Cunqueiro. O falecemento foi confirmado este mércores pola editorial Galaxia [Imaxe: © Editorial Siruela]
Aberto dende hoxe e ata o día 26 o prazo de inscrición nos campamentos de verán e campos de voluntariado da Xunta. A campaña conta cun total de 10.800 prazas para xullo, agosto e setembro Pódese consultar toda a información e formularios nesta ligazón. Na imaxe [CC BY-SA Xunta], unha actividade nun destes campamentos.