Segue en directo a gala de entrega dos premios Youtubeiras+ dende o Teatro Jofre de Ferrol, a partir das 19 horas. Nesta novena edición houbo un récord de participación e un total de 28 finalistas. Leila Fernández (que forma parte da canle O faiado pódcast) e Carlos Vieito (integrante do proxecto Exército Mekemeke) conducirán o certame.
Fálase
Este sábado celébrase o Día dos medios en galego, organizado pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA), coincidindo co 150 aniversario da saída do prelo da primeira publicación xornalística realizada integramente en galego “O Tío Marcos d’a Portela”, impulsada por Valentín Lamas Carvajal.
O BNG recorre ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para coñecer o contido dos acordos ocultos entre a Xunta e Altri. "O goberno de Rueda leva dous anos ocultando os seus acordos segredos con Altri, por iso tivemos que acudir á xustiza, para poñer luz onde o PP quere que haxa opacidade", asegurou este sábado a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, nunha visita a unha explotación de vacún en Sarria [na imaxe]. O TSXG admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo presentado polo BNG que busca facer público o Memorando de entendemento subscrito en outubro de 2021 entre a empresa portuguesa e Impulsa Galicia.
A conexión de Vigo por ferrocarril segue interrompida. Adif confirma que a causa das condicións meteorolóxicas os trens con orixe e destino Vigo non prestan servizo e Renfe mantén bloqueada a venda de billetes ata o martes 10, sen medios alternativos de transporte. Tamén permanece cortada a circulación na vía de ancho convencional Ourense-Santiago, entre as estacións de Ourense e O Carballiño. [📸 Estación de Vigo-Guixar © Adif]
María López Sández, nova directora da revista Grial. O nomeamento foi divulgado cadrando coa presentación do número 248 da histórica publicación que, baixo o título Comunicación e novas tecnoloxías, aborda os "profundos cambios derivados da aparición de Internet e das tecnoloxías da información e da comunicación, que transformaron a economía, a produción cultural, os fluxos comunicativos e as relacións sociais, políticas e culturais". López Sández é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada e académica da RAG, ademais de escritora. [Imaxe: © Editorial Galaxia]
As fortes chuvias provocan un derrubamento de terra en Pantón que obrigou a cortar a estrada LU-P-4103, segundo informa a Deputación de Lugo. O incidente afecta o quilómetro 12 da vía, que comunica Santo Estevo con Pantón e xa hai habilitados desvíos alternativos.
Renfe suprime polo temporal todos os servizos ferroviarios con orixe e destino en Vigo "sen posibilidade de medios alternativos". A compañía pública especifica que os traxectos atinxidos son tanto os de media e longa distancia coma os de alta velocidade e que permite cambios e anulacións sen custo:
- Vigo Guixar – Santiago
- Vigo Urzaiz – Santiago
- Vigo Guixar – Tui
- Vigo Guixar – Ourense
"Polas condicións meteorolóxicas adversas existe risco de asolagamentos e desprendementos de terras", xustifica. A Xunta ten activas para hoxe alertas laranxas por chuvia en varios concellos do interior de Pontevedra e MeteoGalicia, avisos amarelos por fortes chuvias en todos os concellos da Coruña e Pontevedra e parte de Ourense, ademais de laranxa no mar.
O persoal dos autobuses da provincia da Coruña rexeita o preacordo coa patronal por ampla maioría e retoma a folga. O "non" ao acordo obtivo 831 votos fronte a 336 apoios, 20 sufraxios en branco e 14 nulos. A folga está convocada por CIG, UGT e CCOO para demandar melloras salariais e de condicións laborais para uns 3.000 traballadores, o que segundo argumentan "permitiría a renovación xeracional do sector, que conta cun persoal cunha elevada idade media, e no que as empresas día tras día se queixan da falta de man de obra".
- Décima xornada de folga nos buses da Coruña á espera de que a mediación a free antes dos paros dos trens
- HEMEROTECA | A folga de buses na provincia da Coruña volve este luns e será indefinida desde o 2 de febreiro
- HEMEROTECA | A folga de buses volve paralizar as estacións na provincia da Coruña e ameaza con intensificarse
As candidatas a reitora da USC Rosa Crujeiras, Maite Flores, María José López Couso e Alba Nogueira participan este mércores en Lugo nun debate electoral organizado polo estudantado. O debate celebrarase no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría a partir das 18 horas e poderase ver en directo a través de Youtube. O xoves á mesma hora terá lugar un novo debate, desta volta en Santiago, na Facultade de Ciencias Políticas.
As Mouras, do coruñés Wedo Goás (Edgar Goás), escollido mellor mural do mundo na categoría Expert Spotlight 2025 de Street Art Cities. O artista levou a a cabo a obra en Fene no marco da edición 2025 do festival Perla Mural Fest.