BNG e ERC exixen a comparecencia de Pedro Sánchez ante o pleno do Congreso para "dar todas as explicacións a respecto das informacións publicadas sobre os presuntos casos de corrupción".

BNG e ERC exixen a comparecencia de Pedro Sánchez ante o pleno do Congreso para "dar todas as explicacións a respecto das informacións publicadas sobre os presuntos casos de corrupción".
O Concello de Marín abre expediente á concesionaria da piscina despois do ingreso en prisión provisional dun monitor investigado por seis delitos de agresión sexual a seis vítimas menores de 16 anos. Solicítalle información sobre como se realizou a contratación do monitor denunciado, que estaba en prácticas.
Berta Dávila gaña o Premio Ostana 2025 na categoría Giovani, un recoñecemento que distingue autoras e autores novos que escriben en linguas minorizadas de todo o mundo e amosan un compromiso estético e vital coa súa lingua. A organización destaca "o seu percorrido excepcional como escritora e poeta, a súa capacidade de renovar a linguaxe literaria cunha voz auténtica e orixinal, e o labor constante de difusión da literatura galega máis alá das súas fronteiras naturais". [📸 © Adela Dávila]
O ministro de Cultura pide a Rueda unha reunión para "estudar as posibles afeccións de Altri no Camiño de Santiago". Nunha carta ao presidente da Xunta, Ernest Urtasun reclama unha xuntanza "técnica entre ambas administracións" e advirte ademais de que "conforme ao establecido pola Unesco, permanecemos á espera do preceptivo informe do seu órgano consultivo, ICOMOS, antes de que poidan adoptarse decisións definitivas" sobre o proxecto.
O Club Deportivo Lugo confirma a venda da entidade ao grupo empresarial encabezado por Ronald Baroni. O fondo de investimento mexicano NWB Sport terá o 75% das accións e pon fin á etapa de Tino Saqués á fronte do equipo albivermello.
A firma de moda D-due, con sede en Rianxo e proxección internacional, gaña o I Premio Luís Seoane de Deseño. O xurado do galardón, impulsado dende a área de Cultura da Deputación da Coruña, destaca do proxecto creativo de Charo Froján e Alfredo Olmedo a súa capacidade para "potenciar o deseño dunha maneira radical, en vínculo co territorio, os procesos artesanais e o contexto local, e a súa aposta por traballar no global desde o próximo, cunha proxección internacional desde o rural, en coincidencia coa maneira de entender o deseño que tiña Luís Seoane". Na imaxe, fábrica de D-due en Asados (Rianxo) [© D-due]
O pleno de Vigo aproba por unanimidade solicitar á Xunta a implantación da facultade de Medicina na Universidade de Vigo. A petición chega logo de que a UDC solicitase a titulación para A Coruña.
O caso da muller queimada nun coche coa súa parella en Campo Lameiro é investigado xa oficialmente como violencia machista, o que suporía o segundo feminicidio do ano en Galicia. Así o vén de confirmar a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. En abril foi detido un home no Bolo polo acoitelamento da súa muller.
Unha gravación intervida pola UCO implicaría a Santos Cerdán, número tres do PSOE, no suposto cobro de comisións no caso Koldo. O PSOE nega calquera participación do seu secretario de organización e o PP exixe que compareza con Sánchez para dar explicacións.
Unha multitudinaria marcha en Vigo reclama o fin do xenocidio en Palestina. A mobilización, convocada por corenta organizacións, partiu do cruce de Vía Norte con Urzaiz e rematou na Farola, reclamando o respecto á vida, os dereitos humanos e o dereito internacional.