Correos secretos do CNI implican a Mariano Rajoy, o goberno de Andorra e os Estados Unidos na operación Catalunya contra o independentismo, segundo conta RAC1, que xa desvelara a implicación de María Dolores de Cospedal na mesma operación.
Correos secretos do CNI implican a Mariano Rajoy, o goberno de Andorra e os Estados Unidos na operación Catalunya contra o independentismo, segundo conta RAC1, que xa desvelara a implicación de María Dolores de Cospedal na mesma operación.
Asasinato machista no Bolo. Un home é detido pola Garda Civil tras matar a súa esposa, de 76 anos, cunha arma branca. O Instituto Armado investiga os feitos mentres o Goberno galego dá por feito que se trata dun crime de violencia de xénero.
En marcha en Santiago a manifestación de SOS Sanidade Pública. A protesta transcorre baixo o lema Máis atención primaria, máis atención hospitalaria, máis sanidade pública.
A Real Academia Galega de Belas Artes, Afundación e Ramón Villares reciben a Medallas do Parlamento pola "súa implicación na tarefa de dar a coñecer os fondos artísticos e culturais da Cámara e o seu compromiso coa cultura galega". No acto de entrega dos galardóns, cos que se conmemora o aniversario da promulgación do Estatuto o 6 de abril de 1981, o presidente da Cámara sinalou "a cultura, a lingua e o territorio” como "os alicerces da identidade galega dentro da diversidade multicultural que compón o mosaico europeo". Miguel Santalices contrapón a "vocación europeísta de Galicia fronte "ás ameazas de erguer muros de autocracia ou totalitarismo da man das novas oligarquías tecnolóxicas". [Imaxe: © Parlamento]
A Coruña, Santiago, Ourense e Vigo acollen este sábado mobilizacións polo dereito á vivenda no marco da convocatoria estatal que xunta ata 40 puntos de manifestación. As protestas da Coruña e Compostela comezan ás 12 -Praza de Ourense e Praza do Toural, respectivamente-, a de Ourense principia ás 18h30 ante a sede do IGVS na cidade e a de Vigo, ás 19h dende a Praza dos Cabalos.
Castelao, protagonista do festival Viñetas desde o Atlántico e do seu cartel, que foi presentado este venres no Salón do Cómic de Barcelona. O certame celebrarase do 11 ao 17 de agosto e a actividade xirará arredor da figura do rianxeiro no 75º aniversario do seu pasamento.
O novo plan de saúde metal do Ministerio de Sanidade, aprobado por unanimidade tras o si das comunidades do PP, que frearan a iniciativa o pasado mes de febreiro. O obxectivo é incrementar o número de profesionais e mellorar as súas condicións laborais.
A Coruña acorda solicitar á Xunta declaración de zona residencial tensionada en toda a cidade para "facer fronte á suba dos custos da vivenda". Ë a primera urbe galega en enviar esta petición ao Goberno galego, que ten seis meses para responder. O plan de acción do goberno local prevé sumar máis de 13.000 novas vivendas públicas en 20 anos.
Aprobados definitivamente os orzamentos do Concello de Santiago para 2025 cos votos a prol do Goberno de BNG e CA e mais do grupo do PSdeG, que polo momento segue contando con todos os seus membros. O PP, pola súa banda, votou "non" ao proxecto, dotado con 146 millóns. Co trámite definitivo das contas compostelás o Concello de Ourense queda coma o único das sete principais cidades sen orzamento á vista na metade do mandato municipal; o goberno de Jácome non aproba contas dende 2020. Na imaxe, un intre do pleno [© Concello de Santiago]
O propietario de Sargadelos afirma agora que declara a semana vindeira como "período vacacional" na fábrica de Cervo. Nun comunicado, Segismundo García di non crer "conveniente permitir o acceso de persoal" á factoría ata que sexa reparadas "as deficiencias detectadas pola eminentísima inspectora" de Traballo. O empresario engade, ademais, unha relación de "taras ou infraccións" que, mantén, tamén existen non complexo e que, afirma, "por neglixencia ou pode que por lacazanería, a insigne comisaria non detectou". A decisión sobre a próxima semana, indica, tómaa ata "que non se resolvan convenientemente as faltas e deficiencias detectadas ou se nos indique pola autoridade competente o camiño a seguir". [Imaxe: CC BY-SA Praza.gal]