Loitas pola sanidade pública de toda Galicia volven confluír nunha mobilización unitaria

Manifestación contra a reforma sanitaria en febreiro de 2018 CC-BY-NC GZ Foto

Cando, o vindeiro domingo 10 de decembro ás 12 da mañá comece na madrileña praza de Colón, baixo a bandeira de España que ordenou instalar o Goberno de Aznar, a mobilización nacionalista convocada por PP e Ciudadanos e secundada por Vox contra as negociacións do Executivo de Pedro Sánchez coas forzas independentistas catalás, na Alameda de Santiago emprenderá a marcha outra manifestación. Leva semanas convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública e pretende, un ano despois da concorrida protesta contra a reforma sanitaria de Feijóo, concentrar as reivindicacións que nos últimos meses salfiren o país de alertas por carencias no Sergas, dende os ambulatorios ata os hospitais

Á mesma hora na que comezará en Madrid a manifestación de PP, C's e Vox pola suposta ruptura de España, en Santiago SOS Sanidade concentrará as reivindicacións que salfiren Galicia de alertas por carencias no Sergas

Aínda que a vaga mobilizadora contra a reforma sanitaria non decaeu tras a súa aprobación en febreiro de 2018, o movemento foi aguilloado por un punto de inflexión dramático, o falecemento dun paciente sen ser atendido no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada no mes de agosto. O persoal dos PAC, precisamente, levaba xa daquela meses a protestar contra a falta de medios e persoal no seu traballo. 

A plataforma xurdida nesa primeira liña da fronte sanitaria, PAC's en Pé de Guerra, coincide con outros colectivos e sindicatos sanitarios nunha diagnose que se repite: a consecuencias das restricións orzamentarias dos anos da crise, a célebre "austeridade", están a "estoupar" agora xunto a outros problemas estruturais que van da precariedade laboral á carencia de profesionais.

Manifestación pola sanidade pública o pasado xaneiro en Vigo CC-BY-NC-SA Vigo

SOS Sanidade Pública, plataforma participada por múltiples colectivos locais, os principais sindicatos e as forzas da oposición galega, resume a táboa reivindicativa cara ao domingo en seis puntos. Algúns están ligados á reversión da reforma sanitaria, como a "recuperación" do anterior mapa de áreas sanitarias. Outros, directamente cos recortes dos anos da crise, dende o persoal perdido ata a "dotación adecuada dos PAC e os servizos de urxencias hospitalarios". 

SOS Sanidade resume a ampla táboa reivindicativa en seis puntos contra a "precariedade" e a prol de máis medios e persoal no Sergas

Ligado con isto, advirten, cómpre poñer fin "á precariedade laboral". Tamén "recuperar todos os servizos e centros privatizados". Esa entrada do sector privado no caso galego non se produciu nestes anos coa externalización directa da atención sanitaria nos principais hospitais -alén do concertado POVISA, de referencia para máis de 100.000 persoas na área de Vigo e con recorrentes tirapuxas coa Xunta para lograr máis financiamento-, senón con fórmulas como a público-privada para construír e prestar servizos non asistenciais no novo hospital vigués ou, por exemplo, convenios con determinadas compañías para desenvolver certas áreas ou prestacións do Sergas.

Persoal dun centro de saúde en Carballo, concentrado nas mobilizacións previas á manifestación do 10 de febreiro CC-BY-SA SOS Sanidade Pública

Como ante a forte mobilización contra a reforma sanitaria a resposta da Xunta e do PP está a ser que a sanidade galega está notablemente mellor que a doutros puntos do Estado. Tamén que as acusacións se basean en "mentiras" ou son, en verbas de Feijóo, produto de "intereses inconfesables" da esquerda, tese axitada con especial intensidade tras o pacto de En Marea, PSdeG e BNG para abrir unha comisión de investigación sobre os recortes sanitarios no Parlamento. Os grupos da oposición abandonaron esa mesma comisión despois de que o PP aprobase en solitario o plan de traballo do órgano, con comparecentes da súa preferencia.

Xunta e PP retrucaron á nova vaga mobilizadora afirmando que se basea en "mentiras" ou en "intereses inconfesables" da esquerda, pero tamén procurando aplacar varias das frontes abertas

Así e todo, alén das acusacións de mentir a Consellería de Sanidade procurou nos últimos meses aplacar algunhas das múltiplas frontes abertas. Así, impulsou un novo contrato para persoal eventual, deu en aprobar o tratamento 24 horas aos infartos en Lugo oito anos despois de prometelo o propio presidente e articulou grupos de traballo para procurar acalmar os profesionais da atención primaria despois da dimisión dunha vintena de xefes de centros de saúde de Vigo. Tamén formulou ofertas de mellora en puntos de conflito como os devanditos PAC ou as Urxencias do Clínico de Santiago, ao tempo que puña a pelota no tellado do Goberno de Pedro Sánchez para asuntos pendentes como a escaseza de pediatras.

Todos estes conflitos conflúen o domingo nas rúas de Santiago. Os sindicatos e as plataformas sanitarias comarcais están a facilitar a asistencia en cadanseus territorios a través da organización de desprazamentos en autobuses en vehículos compartidos e as tres forzas da oposición chaman á participación da súa militancia, ademais de confirmar a presenza dos seus líderes. Á mesma hora PP, Ciudadanos e a formación de extrema dereita Vox manifestaranse en Madrid para alertar dun suposto risco de ruptura de España. Tamén, anuncian, o farán na Coruña simultaneamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.