Tres anos da chegada da COVID e da precariedade no seu seguimento

Unha profesional consulta o sitio web da Xunta con información sobre a COVID durante a pandemia CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Unha sentenza revela como a Xunta subcontratou cunha cesión ilegal parte da análise estatística da pandemia e do control de casos en residencias, o que se suma ás denuncias polas condicións laborais do rastrexo ou do persoal sanitario e das residencias

Hai tres anos, o 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou a situación de pandemia pola COVID-19 e tres días máis tarde o Goberno de España decretaba o estado de alarma. Tres anos máis tarde o persoal sanitario segue desbordado pola sobrecarga de traballo que supuxo o coronavirus e as demoras derivadas noutro tipo de doenzas, unha situación sobrevida que agravou a precariedade que xa sufrían determinados colectivos, como o persoal eventual ou o das residencias de maiores

A precariedade estendeuse tamén polos sistemas de seguimento da pandemia que as administracións foron improvisando sobre a marcha. No caso da Xunta o rastrexo dos casos de COVID foi subcontratado a empresas de servizos telefónicos cuxas condicións de traballo foron denunciadas en diversas mobilizacións por parte do seu persoa. E agora unha sentenza que vén de emitir un xulgado de Santiago revela que a precariedade afectou mesmo ao Servizo de Epidemioloxía do Sergas, no que parte da análise estatística da pandemia e do control de casos en residencias foi realizado a través dunha subcontrata cunha cesión ilegal dunha traballadora.

Residencia de maiores en Vimianzo e evolución dos casos activos en centros de maiores e dependencia durante unha das vagas da pandemia CC-BY-SA Praza Pública - Google

A sentenza agora feita pública condena a Xunta a asumir como persoal laboral indefinido non fixo unha matemática experta en estatística que desde 2008 viña traballando en análise epidemiolóxica para o Sergas, na súa sede, ás ordes dos seus directivos e cos seus medios materiais. Porén, formalmente estaba contratada, con sucesivos contratos temporais ou por obra e servizo, por unha consultora sanitaria externa que era quen lle pagaba o soldo. A comezos de 2022 a muller reclamou a regularización da súa situación laboral tanto á empresa como á Xunta e xusto un mes despois foi despedida co argumento do inminente remate do contrato que nese momento mantiña a súa empresa con Sanidade.

A sentenza relata como durante case década e media a muller traballou en todo tipo de análises epidemiolóxicos para a Xunta ás ordes directas de cargos públicos. E a raíz da pandemia mundial de SARS-COV-2 encargouse da depuración das bases de datos que proporcionaba cada un dos centros sociosanitarios de Galicia, obrigados a declarar calquera proba positiva de COVID19 realizada a un usuario ou traballador dun centro ou defunción sucedida no mesmo”. 

Tamén se relata como procedeu no último período da relación laboral a desenvolver unha aplicación web que permite visualizar, de forma dinámica, a información epidemiolóxica de interese da evolución e situación de Galicia no marco da pandemia do coronavirus”. 

Feijóo cos conselleiros de Sanidade e Política Social durante a pandemia CC-BY-SA Xunta de Galicia

Se a experta en análise estatístico do Servizo de Epidemioloxía de Sanidade cobraba a través dunha subcontrata cunha "cesión ilegal" uns 20.000 euros brutos ao ano, como traballadora directa da Xunta deberá cobrar uns 34.000

Todas esas funcións, di a sentenza, realizábaas “baixo as ordes e instrucións” do xefe do Servizo de Epidemioloxía dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública, e compartía as tarefas de análise estatístico cunha compañeira contratada como persoal laboral indefinido non fixo coa que se coordinaba para substituírense entre si en vacacións, días libres ou baixas.

Segundo a sentenza, un superior da traballadora na Xunta chegou a declarar no xuízo que a metade da carga de traballo que realizaba a traballadora non se correspondía co obxecto do contrato que Sanidade asinara coa consultora que lle pagaba o soldo senón que eran “funcións propias do Servizo de Epidemioloxía” da consellería

Case todo o primeiro ano da pandemia estivo tamén en precario o cargo de subdirector xeral de Epidemioloxía, xa que a xubilación xa prevista do saínte, Xurxo Hervada, non foi cuberta formalmente ata decembro

A sentenza declara a nulidade do despido por parte da consultora para que en teoría traballaba a muller, establece a existencia de “cesión ilegal” entre esa empresa e e a Xunta e condena a esta última a integrala no mesmo posto de traballo como persoal laboral indefinido non fixo con antigüidade desde 2008. Porén, se a través da empresa anterior a muller cobraba en 2021 pouco máis de 1.700 euros brutos ao mes, “incluída a prorrata de extras”, isto é, uns 20.000 brutos ao ano, agora como persoal da Xunta o seu grupo e categoría laboral suporalle uns 34.000 brutos ao ano, sen contar o que lle corresponda pola súa carreira profesional.

A precariedade agora revelada a ese nivel do Servizo de Epidemioloxía da Xunta non foi a única que rexistrou ese departamento. Nos primeiros meses da pandemia tivo que facer fronte á xubilación do ata daquela subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, cargo inmediatamente superior á xefatura do Servizo de Epidemioloxía e do que dependían tamén os servizos de Control de Enfermidades Transmisibles e de Información sobre Saúde Pública. Hervada seguiu ocupando o cargo malia non estar xa en activo e mentres a consellería non era quen de atopar a quen o substituíse. Porén, non convocou formalmente o proceso ata outubro de 2020, e resolveuno dous meses máis tarde, tras case todo o primeiro ano da pandemia co cargo en precario. 

Xurxo Hervada, á dereita da imaxe, nunha comparecencia sobre o coronavirus antes de xubilarse co ex-conselleiro Almuiña CC-BY-SA Xunta de Galicia

No rastrexo, teleoperadores con contratos temporais de 900 euros brutos ao mes facían 30 horas á semana en condicións que definían como caóticas

Ao tempo, a precariedade estendíase polo sistema de rastrexo dos novos casos, subcontratado sucesivamente con varias empresas de servizos telefónicos. Tras un primeiro contrato de emerxencia cunha empresa cuxo funcionamento o seu persoal definía como “caótico” e que se despediu entre protestas do servizo, este non foi contratado de xeito estable pola Xunta ata un ano despois da chegada da pandemia. E foi asumido por outra empresa que ofreceu prezos máis baratos mesmo mantendo as de por si baixas condicións de partida que establecera a Xunta, con contratos temporais de 900 euros brutos ao mes por traballar 30 horas á semana.

Tres anos despois da chegada da pandemia a vacinación masiva da sociedade permite que os comunicados diarios que a Xunta segue a emitir informando dos casos activos dos que ten constancia xa non obteñan a atención da sociedade e dos medios de comunicación que recibían nos primeiros meses. Porén, detrás deles e da recompilación e análise dos datos epidemiolóxicos houbo nestes anos historias de precariedade que aínda agora se coñecen e que contribúen a dar luz ao panorama xeral da sanidade pública galega en cuxa defensa se están a producir todo tipo de mobilizacións.

A Xunta non estableceu un sistema estable de rastrexo da COVID ata un ano despois da chegada da pandemia CC-BY-NC-SA Foto: Compare Fibre | Montaxe: Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.