Alá vai o dous mil vinte e dous. E xa se lles nota aos días… Gravamos este episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao cando lle quedan apenas catro días ao ano no que, aproveitando o noso décimo aniversario, decidimos lanzar este pequeno espazo sonoro no que buscamos frear, parar un pouco na voráxine da última hora permanente e explicar mellor algo do que pasa, escoitar algunhas voces da actualidade con máis vagar ou descubrir persoas, letras, músicas ou feitos que ceremos que pagan a pena.
Neste trixésimo episodio do Fálase, o de peche do ano, facemos algo que se cadra é tan pouco orixinal como lanzar un pódcast en 2022... Botamos lixeiramente a vista atrás para repasar algo do que nos deixa o ano e tamén para coller folgos para o 2023, que disque vai ser intenso.
Botando man da hemeroteca de Praza e dos temas que pasaron polo propio Fálase facemos un percorrido sonoro polo ano que remata
Botando man da hemeroteca de Praza e dos temas que pasaron polo propio Fálase facemos un percorrido sonoro que comeza en febreiro, cando falabamos dos cartos que nos custa mercar ou alugar unha vivenda ou do paradoxo que supón que haxa menos sucursais bancarias ca nunca mentres os propios bancos acumulan en Galicia cifras históricas de depósitos da clientela. Febreiro, un mes que remataba con dous estremecementos: no plano internacional, o inicio da invasión rusa na Ucraína. En Galicia, o naufraxio en Terra Nova do Villa de Pitanxo.
Mentres todo isto sucedía, en Galicia xestábase tamén outro estremecemento en forma de tremor de terra político. O presidente estatal do PP aínda era Pablo Casado e o da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pero por pouco tempo. Finalmente, Feijóo marchou. A principios de marzo lanzouse a unha campaña interna sen rivais con mitins por todo o Estado mentres os populares galegos abordaban o debate sucesorio, que culminaría en maio coa investidura de Alfonso Rueda como sexto presidente do Goberno galego.
Naquelas semanas de inédita mudanza pasaron polo Fálase a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. A ambos pedímoslles que fixesen balance dos anos do PP de Feijóo e tamén que analizasen o futuro político o país. Tamén llo pedimos a representantes de ámbitos sociais como a sanidade, con Aurora Magán (Enfermeiras Eventuais en Loita) e Manuel González Moreira (CIG Saúde). Porque Feijóo marchou, pero os problemas do país seguiron onde estaban.
O viaduto caído en Pedrafita, os problemas para conciliar a vida familiar e laboral á volta do verán, o inicio do xuízo polo accidente de Angrois, que aínda continúa, ou o vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige foron outros dos asuntos que marcaron informativamente este 2022 e que tamén pasan por este Fálase de peche do ano. Entre noticia e noticia imos escoitando, ademais, algunhas das cancións que máis nos gustaron nos últimos doce meses: o Xuntos que Familia Caamagno 'expropiaron' a Juan Pardo, Lamborghini de Ataque Escampe e, por suposto, Terra, das Tanxugueiras, o tema co que a principios de ano nos lembraron no Benidorm Fest o que nos gusta sentirnos orgullosas e orgullosos do noso, pero tamén o que nos gusta unha aldraxe.
Moitas das músicas do ano, e moitas outras cousas, descubrímolas a través de VINTE, que estes días recompilou os destaques de 2022 a través de vinte amigas e amigos. Coñecémolos neste episodio da man da directora de VINTE, María Yáñez.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.