A vaga de lume que asola a península ibérica cébase desde hai uns días en Madrid, Ávila e Toledo, ademais de en Castelló e en Zamora. O enorme incendio declarado o 22 de xullo no municipio abulense de Burgohondo supera as 50.000 hectáreas e forma parte xa do que as autoridades e equipos de extinción consideran un gran e único fogo —ao unirse cos lindeiros xa en territorio madrileño— con perto de 80.000 hectáreas arrasadas e un perímetro total de 280 quilómetros.
O grande incendio iniciado en Ávila superou xa o de Larouco, ata este verán o máis grande da historia en España
O grande incendio do centro peninsular supera xa o que ata este verán era considerado o máis grande da historia de España, o de Larouco-Quiroga-Oencia (iniciado na Rúa) que en agosto de 2025 arrasou máis de 35.000 hectáreas en Valdeorras, provincia de Lugo e o Bierzo. No verán no que Galicia sufriu unha devastadora vaga que deixou tras de si cifras nunca vistas: catro fogos superiores ás 20.000 hectáreas, un deles próximo ás 40.000, para un mes con 144.000 hectáreas perdidas nun balance anual de máis de 148.000, segundo as medicións dos satélites Sentinel 2 do programa europeo Copernicus, que a Xunta rebaixou a unhas 120.000.
No que vai de ano arderon en España máis de 200.000 hectáreas, boa parte delas só nas últimas semanas na Meseta. En só uns días, tal e como acontecera en Galicia —e en todo o noroeste peninsular e norte de Portugal—, o lume desbocouse, provocando milleiros de desaloxos e pondo en perigo núcleos de poboación ou, directamente, arrasando aldeas enteiras como pasou o pasado verán en varias localidades ourensás.
Como en 2017 en Galicia e Portugal e como agora en Madrid e Castela, os testemuños falan de incendios incontrolables, que avanzan a velocidades descoñecidas, que quedan fóra da capacidade de extinción e que son cada vez máis perigosos para a poboación. As consecuencias do despoboamento rural e dun monte descoidado ou o intenso influxo do cambio climático na voracidade das lapas son factores clave.
Expertos e informes, tamén das administracións, advirten desde hai anos de incendios incontrolables e máis perigosos por mor do impacto do cambio climático
Todos factores sobre os que numerosos estudos e investigacións científicas chaman a atención desde hai tempo. Tamén ás administracións, que aproban cada pouco informes apoiados nestes expertos onde se advirte destes novos, perigosos, virulentos e inabarcables fogos, que son moitos menos pero moito máis grandes. Incendios cada vez máis habituais, que xa non se circunscriben só a zonas concretas (aínda que as hai máis proclives) e que chegaron para quedar. Coa prevención e a adaptación como única vía.
Juan Picos, subdirector da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, coordinador do proxecto europeo Firepoctep e un dos maiores expertos no monte galego e nos incendios, destacaba o pasado ano que a clave da virulencia dos incendios que asolaron Galicia foi que as "condicións favorables" para tal propagación —seca, baixa humidade, forte calor, vento...— mantivéronse "durante moito tempo". Como acontecera en Portugal hai anos. E como ocorre agora acotío en moitos puntos de España, que vai pola cuarta vaga de calor con temperaturas extremas cando nin tan sequera comezou agosto.
A estes factores hai que engadir outro relacionado directamente tamén co impacto do cambio climático. Os episodios extremos supoñen tamén chuvias máis abundantes e torrenciais no que foi un inverno especialmente húmido (en Galicia e en España). A vexetación convertida agora en combustible que alimenta o lume creceu de xeito exuberante grazas a toda a auga caída meses atrás. Coa calor e seca da primavera e as extremas temperaturas do verán, a perda de humidade converteu moitas paisaxes en gasolina. Acelerantes das lapas que avanzan sen control.
As abundantes chuvias do inverno, tamén consecuencia da crise climática, fixeron crecer moito a vexetación que agora, tras meses de calor, é combustible para o lume
E abonda unha imprudencia para prender o caos. Mesmo aí se reproducen os padróns. A xustiza investiga a orixe do incendio de Oímbra en 2025 (o segundo máis grande da historia de Galicia e con graves feridos), causado polas chispas dunha maquinaria coa que un operario traballaba malia as prohibicións e o risco extremo de lume. A Fiscalía xa advertiu de "evidentes erros de coordinación e mando" entre Xunta e Concello.
No fogo activo de Ávila, o maior da historia de España, as pescudas apuntan a uso indebido de maquinaria para abrir camiños nunhas datas na que o seu uso estaba vetado. Noutro gran fogo en Toledo, que logo pasou a Madrid, todo indica que comezou tras traballos con soldadura que non se podían realizar de dous homes agora detidos. Malia todo, a Xunta vén de autorizar usar maquinaria no monte con risco extremo de incendio.
Todo nunhas condicións propicias para a expansión masiva das lapas, cuxa virulencia confirman as ameazas que se tornaron máis evidentes claras en 2017, hai case unha década. Os graves incendios de xuño en Portugal que provocaron a catástrofe de Pedrógão Grande e os de outono que asolaron o país veciño e Galicia nunha fin de semana serviron de advertencia para o que estaba por vir. A virulencia e graves consecuencias daqueles fogos, con centos de mortos e núcleos de poboación afectados e milleiros de hectáreas arrasadas, deron conta dun lume cada vez máis incontrolable e perigoso.
"Voraz, virulento e moi rápido"
Uns incendios que xa están asentados en Galicia, axudados polo impacto da crise climática. Como ocorreu na vaga de 2022, que ata o pasado agosto provocara os dous maiores incendios rexistrados na historia, as extremas condicións de calor e seca e a elevada acumulación (polo abandono) de maleza foron as causas principais da desfeita.
Como naquel 2022 relataba a veciñanza do Courel ou Valdeorras, que advertía de incendios que avanzaban polas montañas como "nunca" viran na vida, o ano pasado foi a do Macizo Central ou a das mesmas zonas a que fala dun tipo de lume "voraz, virulento e moi rápido".
Os incendios actuais crean nubes de convección que mudan as condicións meteorolóxicas, poden provocar tormentas de lume e inician focos secundarios a quilómetros
Este é o lume que afronta desde hai anos o noroeste peninsular, na área con maior risco de lume en Europa, pero tamén moitas outras partes da península, como se pode comprobar este verán. Incendios que chegan a provocar nubes de convección que mudan as condicións meteorolóxicas previstas, fan rolar os ventos e propagan de maneira caótica as lapas mesmo noutros fogos a ducias de quilómetros. Mesmo poden formar tormentas de lume —cada vez máis probables no país, como advirten investigacións científicas— ou saltar encoros, creando focos secundarios co traslado de charetas ata a dous quilómetros de distancia. Esta multiplicación de focos case simultánea fai que moitas veces se atribúan á man humana o que xa non é debido a ela.
A excepcionalidade deste tipo de incendios é tal que provoca que a virulencia e potencia das lapas poidan crear unha nube que evite catástrofes maiores a poucos quilómetros. Así ocorreu cos fogos de outubro de 2017 en Portugal, cando unha enorme nube de convección orixinada no norte luso amainou e fixo rolar os ventos que avivaban o lume en Galicia.
A expansión de urbanizacións no interface urbano-forestal
Aínda hai poucos anos, unha tese tamén da Universidade de Santiago (USC) afondaba nas características destes novos incendios resultado do cambio climático: máis frecuentes, rápidos e erráticos. Unha investigación que constatou o aumento significativo na velocidade de propagación do lume por causa da redución da humidade dos combustibles asociada ao aumento da temperatura. E o influxo desta situación na orixe deses procesos convectivos: pirocúmulos que aceleran os fogos de maneira impredicible e incontrolable.
Todas estas circunstancias tamén provocan que as lapas cheguen cada vez con máis frecuencia a casas e núcleos de poboación, provocando que os recursos teñan que centrarse en salvar vidas e inmobles, dificultando aínda máis os labores de extinción. Así o confirma unha investigación da Universidade de Santiago (USC) que corrobora que os incendios cada vez se inician máis próximos ás vivendas. Ademais —nunha situación que se ve moi clara estes días en terras castelás—, a expansión de urbanizacións e vivendas dispersas no interface urbano-forestal multiplica o risco e dificulta a extinción.
Ante a chegada desta tipoloxía de lume forestal, xa o informe técnico encargado pola Assembleia da República en Portugal sobre Pedrogão de 2017 concluíra que a política antiincendios debía ser modificada por mor do cambio climático. E a propia Xunta reclamou o mesmo pouco despois na comisión parlamentaria. que analizou a vaga de lume do mesmo ano en Galicia.
As análises encargadas polos parlamentos portugués e galego tras os incendios de 2017 coincidían na necesidade de mudar a política antiincendios polo cambio climático
"Hai que levar a cabo accións estruturais no territorio en condicións máis extremas", dicía o daquela director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto. Anos despois, e tras os graves incendios de 2022, o xa presidente da Xunta, Alfonso Rueda, alertaba do "carácter anómalo" do lume, mentres que o que era conselleiro do Medio Rural, José González, falaba de fogos cun "comportamento que nunca se vira" e que provoca que "queden fóra de capacidade de extinción", tal e como advertían tamén expertos que colaboraron nas análises impulsadas nos parlamentos galego e portugués.
Naquela altura, un informe do Eixo Atlántico advertía da perigosidade do novo "tipo de incendio que vén" e que afecta precisamente a área xeográfica que abrangue Galicia, as provincias lindeiras en Castilla y León e Asturias e a parte máis septentrional de Portugal. Un novo estudo da mesma entidade hai poucas semanas veu ratificar e confirmar as advertencias do de 2018 e alertou de que as zonas que perden poboación e están máis envellecidas rexistran "maior superficie afectada polo lume e exposición crecente a incendios de grande magnitude".
Toda a zona noroeste da península leva tempo sinalada como a máis proclive a sufrir fogos virulentos e a que as características comúns que comparten os fagan máis perigosos e inabarcables. Pero o impacto do cambio climático está a espallar este risco a territorios menos habituais, como os deste verán.
O Pladiga insiste en que o despoboamento e perda de actividade aumenta moito a biomasa, "convertendo os montes en grandes reservas de posible combustible para os incendios"
Non fai falta ir tan atrás para atopar análises que abordan con detalle as causas destas vagas de lume tan destrutivas. Aprobado e publicado o pasado abril, o Plan de prevención e defensa cotra os incendios forestais (Pladiga) para este 2026 inclúe unha parte dedicada a analizalas xunto co seu contexto político, social e económico.
Así, o documento advirte da perda das actividades tradicionais que "provoca o aumento significativo da biomasa vexetal co paso dos anos, convertendo os montes en grandes reservas de posible combustible para os incendios forestais". "O fenómeno do despoboamento unido ao abandono dos usos tradicionais do territorio, dá lugar a unha transformación do rural que, en moitas ocasións, orixina estruturas vexetais máis susceptibles á propagación dos lumes", engade o Pladiga, que lembra que "décadas atrás" os incendios "eran máis recorrentes pero menos destrutivos".
"A biomasa acumulada nos montes era menor, ao igual que a continuidade horizontal e vertical dos combustibles, xa fora por incendios con orixe natural ou pola propia actividade antrópica tradicional", explica.
Dispersión, xestión e orografía
Ademais, o Pladiga explica que a enorme superficie afectada en moitos casos vén determinada "por circunstancias estruturais tanto de dispersión da poboación, xestión forestal, orografía e socioloxía como polo abandono do poboamento do rural". A propiedade na súa maioría privada do monte, "moi disgregado e heteroxéneo", sumada a "unha política de (re)forestación non dotada en ocasións dunha conveniencia propia" e a unha "rexeneración do estrato vexetal moi abundante e vigorosa" explican a propagación das lapas por un manto "convertido en combustible cun alto grao de ignición e propagación".
O resultado, como insiste o documento, son "situacións complexas de abordar dende o punto de vista da extinción do lume", ben sexa polas "reproducións" a "multiplicidade de focos" ou o "rápido avance das lapas".
Un escenario que en Galicia é máis probable, polas súas condicións, pero que acaba afectando xa moitas outras zonas que semellaban estar en menor risco.