Monbús comeza a permitir reservar praza por internet en billetes adquiridos coas tarxetas de transporte da Xunta (TMG e Xente Nova), que implican desconto. O plan "piloto", dende o día 23, restrínxese aos traxectos Santiago - Lugo, Ourense - Lugo, Ourense - Pontevedra e Ourense – Vigo dentro das concesións XG802 e XG623, e será estendido "gradualmente". A principal concesionaria dos autobuses da Xunta indica que para poder reservar prazas, "os usuarios teñen que dirixirse á páxina web de Monbus e rexistrarse facilitando os seus datos persoais, o número da súa tarxeta TMG ou Xente Nova e abonar unha fianza de 10€". A compañía di "pretender evitar o uso indebido do sistema de reservas. [Imaxe: © Monbús]
Fálase
Morre aos 79 anos o cantautor cubano Pablo Milanés. Home de fondo compromiso político e social, foi autor de máis de 40 discos en solitario e abondosas colaboracións tamén con artistas galegos como Luis Emilio Batallán. Na última etapa da súa vida mantivo abondosos vencellos familiares e profesionais con Galicia. A súa canle de YouTube permite recuperar boa parte dos seus temas máis emblemáticos.
O Colexio Arbitral de Pontevedra, órgano de control das eleccións sindicais, anula o proceso electoral de Stellantis Vigo logo da impugnación presentada pola CUT sobre "diferentes manobras de control do voto". "En resumo, non se xeraron as circunstancias suficientes para que as persoas puidesen votar en liberdade e en secreto. É un vicio moi grave, que ten que implicar a anulación das eleccións", recolle o laudo arbitral, que ordena a repetición das eleccións na factoría.
A Fiscalía do Estado rexeita que se revisen as condenas a violadores se as que lles impuxeron poden manterse ao abeiro da nova lei de liberdade sexual. Así indica nun decreto emitido este luns do que informa infoLibre. Na imaxe, o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz.
Hoxe hai cen anos do nacemento da actriz María Casares, o 21 de novembro de 1922 na Coruña. O vindeiro 3 de decembro, no marco das celebracións polo seu centenario, o Instituto Cervantes de París acollerá a representación da obra 'Continente María', protagonizada por Melania Cruz e Vadim Yukhnevich e dirixida por Tito Asorey, que fai un percorrido polo legado escénico e vital de Casares. [Na imaxe, María Casares, en 'Les Justes' (1949)]
Abre a recolla de suxestións para a Palabra do ano 2022. A iniciativa, impulsada polo Portal das Palabras da RAG e da Fundación Barrié, recompila propostas ata o 11 de decembro. Dende o día 13 e ata o 25 dese mes celebrarase a votación para decidir o termo finalmente elixido. En anterore edicións do certame foron elixidas tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).
O BNG anuncia a súa abstención nos orzamentos xerais do Estado para 2023. O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, di que son “insuficientes para Galiza e as clases populares” e avanza que votará en contra nas seccións referentes á Casa Real e Defensa.
Falece Hebe de Bonafini, histórica líder das Madres da Plaza de Mayo, aos 93 anos de idade. Bonafini era nai de dous fillos desaparecidos durante a ditadura de Videla na Arxentina e dedicou a súa vida á defensa dos dereitos humanos.
Peche definitivo da fábrica de conservas Albo en Celeiro (Viveiro), a derradeira conserveira da Mariña. O grupo chinés Shanghai Keichuang, propietario da conserveira Albo, traslada toda a súa actividade galega á súa planta en Salvaterra de Miño, á que só irán traballar cinco empregadas da fábrica viveirense. [Na imaxe, traballadoras da conserveira © Albo]
O 19 de novembro de 2002 o petroleiro Prestige partía en dous e afundía a 130 millas do cabo Fisterra, fronte ás illas Cíes. Vinte anos despois, voluntarios da ONG ecoloxista Greenpeace concentráronse ao carón do santuario da Virxe da Barca, en Muxía, para lembrar o acontecido e solicitar que se implementen decisións "para que algo así non se volva repetir".
"A catástrofe do Prestige foi dramática, pero sería aínda máis devastadora sen a heroica reacción da sociedade civil, que se puxo á fronte da mesma cando as autoridades e o Estado fallaron estrondosamente. Sen o voluntariado, sen as xentes do mar, sen Nunca Máis, non sabemos o que tería acontecido. É xusto que non o esquezamos", afirma Begoña Vila, voluntaria de Greenpeace.