Desaparecidos cinco mariñeiros no afundimento en Mauritania dun barco de capital galego con 25 tripulantes, tres deles españois, rescatados e en bo estado.

Desaparecidos cinco mariñeiros no afundimento en Mauritania dun barco de capital galego con 25 tripulantes, tres deles españois, rescatados e en bo estado.
Transición Ecolóxica recoñece o Laboratorio Ecosocial do Barbanza como unha das 39 iniciativas "exemplares" na execución dos fondos europeos de recuperación. O proxecto, seleccionado entre máis de 1.000 accións de todo o Estado, está impulsado pola Fundación RIA xunto ás universidade de Santiago e Pablo de Olavide, a Plataforma pola Defensa do Monte, a Fundación Montescola e o Concello de Rianxo, traballa coas comunidades de montes do Barbanza "para poñer en valor modelos de gobernanza comunitaria e explorar alternativas de futuro fronte ao abandono das actividades produtivas, a perda de biodiversidade e o risco de incendios forestais". O vindeiro outubro a Casa RIA, en Santiago, abrirá unha exposición e un programa de actividades para divulgar o traballo do Laboratorio.
Borja Iglesias, dianteiro do Celta, ante as protestas na Vuelta a prol do pobo palestino: "O que me sorprende é que se lle dea máis importancia, ás veces, a un evento deportivo que a un xenocidio. Non termino de entendelo". O xogador compostelán resalta que cómpre "pararse e reclamar o que é obrigatorio, os dereitos humanos e o respecto, que ás veces non están. Calquera situación é boa para facelo". O programa En Xogo da TVG recolleu as súas palabras na conferencia de prensa na que fixo oficial o seu vencello co club vigués ata 2028.
Pedro Sánchez encabeza en Navantia Ferrol a botadura da fragata F111 Bonifaz, a primeira da serie de cinco que está a construír o estaleiro para a Armada. Sánchez, que acudiu canda a vicepresidenta Yolanda Díaz a un acto no que tamén participou o presidente Alfonso Rueda, encadra o proxecto no "comezo dunha revolución industrial tan necesaria para moitos territorios como Galicia" e nomeadamente Ferrol, "unha cidade que soubo resistir e tamén resucitar e que o Goberno de España non vai parar de apoiar". A construcións destes buques militares, agrega, implica "máis de 4.300 millóns de investimento e máis de 9.000 empregos". [Imaxes: Borja Puig de la Bellacasa / Pool Moncloa]
A Coruña acolle a primeira gran retrospectiva da obra da fotógrafa Annie Leibovitz no Estado español. A mostra Wonderland, promovida pola Fundación Marta Ortega Pérez poderá visitarse do 22 de novembro de 2025 ao primeiro de maio de 2026 nas instalacións da fundación no peirao de Batería. Recibirá ao público cunha instalación inmersiva do traballo de Leibovitz cos Rolling Stones para pasar aos retratos que conformaron a súa voz como artista desde finais dos anos setenta ata hoxe. Ademais, presenta cen impresións e vídeos do seu traballo no ámbito da moda, algúns nunca antes expostos. A Fundación MOP avanza que a exposición estará acompañada dun filme e unha publicación con entrevistas a colaboradores da fotógrafa como Bruce Springsteen, Patti Smith, Gloria Steinem, Karen Elson, Tina Brown, Mary Howard e Phyllis Posnick. [📸 Ben Stiller, Jacquetta Wheeler, Ai Tominaga, Karolina Kurkova, Oluchi Onweagba e Stella Tennant, París, 2001. © Annie Leibovitz]
EN VINTE | 'Future Stories': a fotografía galega que vén
O PSdeG esixe desculpas do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, por mandar calar á deputada socialista Patricia Iglesias nunha reunión informal con funcionariado da Xunta que protestaba no Parlamento.
O BNG critica o "veto" do PP á proposta de declaración institucional do Parlamento contra o xenocidio do pobo palestino. A formación nacionalista sinala que o PP "nin se molestou en responder" ao documento remitido na procura da unanimidade da Cámara. Un texto de "condena" do xenocidio, en defensa da "soberanía do pobo palestino" que denuncia a "inacción da comunidade internacional" e a "pasividade" da UE para tamén amosar "solidariedade" coas persoas que están a participar en actos de denuncia fronte ao xenocidio. "Que é o que ten que pasar para que o Partido Popular condene o Estado xenocida de Israel?", pregúntase a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil. [📸 © BNG Vigo]
O Goberno de España prevé catro áreas de tren de proximidade en Galicia: Vigo, A Coruña, eixo atlántico e outra interior. Así o anunciou o ministro de Transportes, Óscar Puente, que anunciou catro zonas "principais" para esta rede ferroviaria e outra "complementaria" para o antigo FEVE no norte. O estudo de análise para traer o tren de proximidade en Galicia prevé estar rematado axiña, segundo anunciou o ministro en resposta a unha interpelación realizada por Néstor Rego (BNG), que insta a que se "cumpran os prazos" e se poña en marcha o servizo "antes de rematar a lexislatura".
A etapa da Vuelta en Galicia finaliza a 8 quilómetros da meta por mor das protestas contra o xenocidio de Israel en Palestina.
Israel lanza un bombardeo en Qatar contra os dirixentes de Hamas que se atopaban en Doha para debater a proposta de alto o fogo realizada por Trump. Imaxe: Al Jazeera