Fin de semana de noites tropicais, en moitos lugares de Galicia a temperatura non baixou dos 20 graos nas dúas últimas noites. MeteoGalicia salienta que incluso en Fornelos de Montes ou Xesteiras (Cuntis) tiveron noites ecuatoriais, que suceden cando o termómetro non baixa dos 25º de temperatura. Os avisos por calor continúan este derradeiro día de xuño con nivel laranxa no sur da provincia de Lugo, na comarca de Valdeorras e na zona do Miño de Ourense; e están en nivel amarelo no centro e na montaña de Lugo, no interior da Coruña, no noroeste e no sur de Ourense e na zona do Miño de Pontevedra. Para o martes 1 de xullo seguirán activas as alertas por altas temperaturas en Ourense e Lugo.
