Aprazada a petición de Estado e Xunta a vista xudicial sobre a propiedade dos bens do Pazo de Meirás prevista para o 13 de xaneiro para teren máis tempo para revisar o informe pericial que a familia Franco presentou aínda o día 4. Polo momento o xulgado non sinalou nova data.
Fálase
Cidadanía afectada pola nova estrada prevista no plan de urbanismo de Vigo manifestouse este domingo polo centro da cidade.
A Garda Civil detivo ou investigou 29 persoas como presuntas autoras de incendios forestais en Galicia durante 2021, segundo datos divulgados pola Delegación do Goberno de España. Case a metade (13) foron na provincia de Ourense, seguida por Lugo (7). A Coruña rexistrou 5 destas detencións ou investigacións e Pontevedra, 3. Na imaxe, traballos de extinción nun incendio forestal en Ribas de Sil, en setembro do ano pasado
A Xunta reactiva o formulario na web do Sergas para comunicar positivos da COVID detectados mediante autotest. Segundo os novos protocolos, estes positivos son validados a todos os efectos como os detectados polos propios servizos sanitarios e implican que a Central de Contactos chamará á persoa que o comunica "nas seguintes 24 horas".
Verónica Boquete ficha pola Fiorentina. A futbolista compostelá continúa así unha traxectoria internacional que xa a levou polas ligas sueca, estadounidense, alemá, francesa e chinesa . Imaxe divulgada pola xogadora nas súas redes sociais.
- HEMEROTECA (2017) | Verónica Boquete, en Praza.gal: "O fútbol feminino avanzou máis en tres anos que nos últimos quince"
O pasado decembro foi o terceiro máis cálido da serie histórica de Meteogalicia, segundo o seu informe climatolóxico para o mes que vén de rematar. As temperaturas estiveron uns 2,1 graos por riba do normal, "o que fai que poida considerarse como un mes moi cálido", conclúe. O documento resalta tamén que o precedente máis próximo da serie (que se remonta a 1981) no mesmo sentido foi decembro de 2015, con temperaturas 2,87 graos por riba do habitual. O anterior fora en 1989 (+2,84 graos). O informe completo pódese consultar aquí. Na imaxe, o mapa de anomalía de temperatura media de decembro de 2021 a respecto do período 1981-2010.
Tanxugueiras inicia na Coruña o vindeiro 26 de marzo a súa Xira Midas, na que presentarán as cancións do seu novo álbum, que se publicará neste ano 2022. As entradas poranse á venda este mércores ao mediodía. Terra (candidata a participar no Festival de Eurovisión) suma máis de dous millóns de reproducións en Youtube e Spotify e outros temas como Figa superan o millón de escoitas.
Goberno de España e comunidades autónomas confirman que o curso escolar se reiniciará o vindeiro día 10 con clases presenciais. O Sergas retomou hoxe a vacinación pediátrica co grupo das nenas e nenos de 7 a 9 anos.
As inscricións nas oficinas de emprego caeron en apenas 163 en Galicia durante o mes de decembro, o menor descenso porcentual do Estado, un -0,11% que contrasta co -2,41% da media estatal. O paro rexistrado total queda en 152.584 persoas, 37.003 menos que no remate de 2020, (-19,52%, apenas medio punto menos que na media estatal). No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social descendeu en 2.713 persoas (-0,26%) e queda en 1,32 millóns de cotizantes, 30.624 máis que un ano antes (+3,06%).
A Xunta corrixe nun novo DOG extraordinario as restricións de restaurantes e bares para que na véspera de Reis non teñan que pechar ás doce da noite senón á 1 da madrugada. Ata agora a orde que regulaba o sector fixaba nas doce da noite a hora máxima de peche como norma xeral agás nas noites de venres a sábado e de sábado a domingo, e agora inclúe tamén a nova excepción das “vésperas de festivos”. Non muda nada das restricións de pubs, que poden abrir ata as 3 da madrugada.