PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron un 0,40% en Galicia durante o mes de febreiro (-518 persoas) e quedan en 130.583, isto é, 13.509 menos que hai un ano (-9,38%, máis de tres puntos por riba da media estatal, que foi do -5,17%) e outra volta a cifra máis baixa da serie histórica. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en Galicia en case 4.500 persoas (+0,43%) e chega aos 1,06 millóns de cotizantes, 19.194 máis que no mesmo mes de 2023 (+1,85% e na media estatal, +2,67%).
Fálase
A conselleira Ángeles Vázquez insiste en que a Xunta non aplicará "de oficio" a lei para limitar os prezos dos alugueiros pero asegura que "estudará as solicitudes que cheguen dos concellos". A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda insistiu nunha entrevista na Radio Galega no dito esta mesma semana polo presidente Rueda, que responsabilizou os municipios.
Ana Peleteiro, medalla de bronce no Mundial de atletismo en pista cuberta que se celebra en Glasgow. A galega, tras dous anos fóra da competición de triplo salto e despois de ser nai, regresa cun novo éxito logo do bronce nos últimos Xogos Olímpicos e na mesma pista onde se proclamara campioa de Europa en 2019. Acabou terceira cun salto de 14,75 metros. Imaxe: RFEA.
Varios ríos e rías en Galicia en vixilancia por risco de inundacións e circulación complicada na A-6 pola neve durante un novo temporal en Galicia.
Detido un veciño de Mesía acusado de agredir sexualmente empregadas e captar inmigrantes para prostíbulos. Anunciábase nunha web ofrecendo traballos de camareira, limpadora ou persoal para obras e reformas.
O PSdeG convoca para o 7 de abril as súas primarias á secretaría xeral e para o 27 o Congreso Extraordinario no que ratificará a nova dirección. Valentín González Formoso chama a "reflexionar profundamente" tras os "malos" resultados o 18F.
A Xunta desactiva o seu plan anticontaminación "pola baixa incidencia de pellets na costa". O Goberno galego indica que "os coordinadores dos grupos de resposta en terra e mar" salientan que "a pesar das condicións oceanográficas favorables para a entrada de máis material á costa galega nos últimos días, non se apreciou novas chegadas significativas de máis granulado". [Imaxe: © Greenpeace]
Pontón reitera a reclamación dunha "auditoría dos contratos de urxencia feitos polo Goberno do PP" entre marzo e decembro de 2020, ao inicio da pandemia. "Se non ten nada que agochar, non debería ter inconveniente", sinala a portavoz nacional do BNG ao ser preguntada polo 'caso Koldo', ao respecto do que reclama "ser implacable contra a corrupción" e sobre o que lembra a "falta de transparencia" nas contratacións de urxencia ao inicio da pandemia da COVID en diversas administracións, "incluída a Xunta". A líder do Bloque sinalouno durante un encontro na Coruña coas deputadas e deputadas da formación por esta provincia para a nova lexislatura.
- Ábalos rexeita dimitir e o BNG quere que o Congreso investigue tamén as compras na pandemia da Xunta de Feijóo
- HEMEROTECA | Contas conclúe que o fondo do Estado polos gastos da COVID foi "suficiente" para a Xunta agás no ensino
- HEMEROTECA | Detido un empresario polo roubo de "dous millóns de máscaras" sanitarias en Santiago en plena crise do coronavirus
Israel mata decenas de persoas en pleno reparto de axuda humanitaria en Gaza. Médicos sen Fronteiras amosa o seu "horror" por un ataque que, lembra, se produce mentres medra a fame entre a poboación palestina por mor das accións dos ocupantes israelís, que se limitan a atribuír as mortes de civís neste suceso a unha avalancha.
Gómez Besteiro renuncia á súa acta no Congreso para exercer como deputado na Cámara galega tras o 18F. "Renuncio á miña acta para seguir traballando por todos os galegos e galegas desde o Parlamento da nosa terra", di o que fora candidato do PSdeG á presidencia da Xunta. O comité nacional dos socialistas galegos avalía o posible adianto do Congreso no que, todo apunta, Besteiro asumirá o liderado do partido.