PuntoGal reivindica no Parlamento o papel do dominio como "carné de identidade" galego en internet no seu décimo aniversario. Unha representación da entidade xestora do dominio galego encabezada polo seu presidente, Manuel González, visitou este martes a Cámara, onde foi recibida polo presidente da institución, Miguel Santalices, e representantes de todos os grupos. González subliñou a vontade de PuntoGal para "xerar beneficios que, aínda que modestos, son necesarios para o fomento das tecnoloxías en Galicia e da normalización da nosa lingua". Neste sentido, advertiu dos "preocupantes" datos divulgados polo IGE sobre "a deriva do uso social do galego", que "non deben servir só para a reflexión senón para desencadear un conxunto de actuacións inmediatas dos poderes públicos". [Imaxe: © PuntoGal]
