O paro sobe en 1.597 persoas en xaneiro tras o final da campaña de Nadal en Galicia, que destrúe máis de 11.700 empregos.
Fálase
A Cadena SER emite a partir das 9.00 horas un debate entre os candidatos das tres forzas con representación ata agora no Parlamento ao que non asiste Alfonso Rueda. O PP elixiu o seu portavoz parlamentario, Alberto Pazos, para enfrontarse a Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro. De momento Rueda só confirmou a súa asistencia ao debate do vindeiro luns na TVG.
O ministro de Cultura, Ernest Urtasun, avanzou este xoves nun acto de Sumar Galicia na Coruña “a constitución dun grupo de traballo específico para o reforzo e o impulso da creación en galego” para a “defensa” da nosa lingua. Urtasun acompañou a candidata da formación, Marta Lois, e mais a escritora Marilar Aleixandre na presentación das súas propostas culturais e destacou o “momento extraordinario” do audiovisual galego, “liderado ademais por mulleres”. Lois tamén fixo fincapé na reestruturación da CRTVG que Sumar inclúe no seu programa electoral. “O dereito á comunicación é un dereito democrático dos galegos e galegas e non pode ser utilizado de maneira propagandística”, sinalou. [Foto: Sumar Galicia]
Os bombeiros comarcais e os Consorcios Provinciais Contraincendios e Salvamento chegan a un acordo que pon fin á folga dos últimos oito meses. O texto, asinado por representantes da Xunta, das catro deputacións provinciais e dos sindicatos, prevé melloras nas condicións laborais referidas tanto ao reforzo de efectivos como aos salarios e horarios, entre outras. Tamén se prevé crear unha mesa de negociación para concretar a redacción dun novo convenio colectivo e dunha nova Relación de Postos de Traballo.
Luís Nobre, alcalde de Viana do Castelo, é novo presidente do Eixo Atlántico en substitución da ex-alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Alfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras, asumirá a Vicepresidencia. A decisión adoptouse este xoves no marco da XXXII Asamblea Xeral da entidade, celebrada en Vila Nova de Famalicão, na que tamén se acordou o ingreso de Fafe, o que eleva a 40 as cidades membro do Eixo.
O Supremo rexeita anular a causa penal contra José Manuel Baltar por conducir un coche oficial da Deputación de Ourense (na imaxe) a 215 por hora cando era presidente da institución. O agora senador do PP argumentaba que "xa foi multado en vía administrativa" e que, polo tanto, non cabía esta causa. O proceso contra Baltar segue adiante e a maxistrada da Sala do Penal acepta pedir informes sobre o radar que o multou, como pedía a defensa. Deixa tamén "pendente de resolver" a elevación dun suplicatorio ao Senado para proceder contra o popular nesta causa, que agora instrúe o Alto Tribunal pola condición de aforado do dirixente ourensán
- HEMEROTECA | Baltar nega ante o Supremo que conducise a 215 km/h e atribúe as acusacións a unha "campaña"
- HEMEROTECA | Outro coche oficial crúzase en campaña ante Feijóo e Rueda catorce anos despois
- HEMEROTECA | Baltar négase a dimitir, admite dúas multas máis e reitera que conduciu o coche oficial a 215 km/h por "despiste"
Tal día coma hoxe de hai 12 anos nacía Praza. Baixo estas liñas, a que foi a nosa primeira portada. Celebrámolo grazas a vós e, cadrando co noso aniversario, estreamos a nosa nova canle de WhatsApp
- ↪️ Faite de Praza.gal
- 📲 Síguenos en Telegram e WhatsApp.
- 📩 Recibe cada día as informacións de Praza.gal nun único correo electrónico subscribíndote aquí
O mural que o madrileño Hugo Lomas Sfhir realizou en Fene no marco do I Perla Mural Fest foi elixido mellor mural do mundo o pasado ano no marco do certame Street Art Awards. Ademais, en segunda e terceira posición aparecen dous muralistas galegos, a viguesa Lula Goce e o lucense Manuel Pallín, Yoe 33, polas súas obras A dona do esteiro e Copora, realizadas na Ramallosa (Nigrán) e Lugo, respectivamente.
Catalunya declara a emerxencia por seca en 202 concellos e nas áreas de Barcelona e Girona. A medida, que afecta case 6 millóns de persoas, limita o consumo de auga por habitante e o uso de duchas en ximnasios en centros deportivos e prohibe regar árbores e xardíns botánicos ou encher piscinas.
A Xunta Electoral ordena ao PP retirar das redes sociais unha publicación que apelaba ao voto dos galegos no exterior e estima a denuncia do PSdeG contra a publicación, que animaba a emigración a participar nas eleccións.