Guadi Galego lanza novo sinxelo, O.D.A., o seu primeiro tema desde o álbum Roibén, de 2022. "Estamos vivas", reivindica a artista cedeiresa sobre unha canción que xa está dispoñible en diversas plataformas.
Fálase
Ás 12.15 horas deste venres retómase a sesión de investidura de Feijóo, na que deberá ter máis votos a favor que en contra para ser elixido presidente tras non lograr o mércores a maioría absoluta do Congreso. A votación realizarase "non antes" das 13.22 horas, 48 horas despois da fracasada primeira votación. A sesión pode verse en directo na web do Congreso.
Unha concentración en Noia rexeita as "tentativas de intimidación da mineira de San Finx". A plataforma contra as verteduras concentrouse ante os xulgados, onde estaba chamado a declarar o director da mina para "ratificar unha denuncia falsa presentada contra Ecoloxistas en Acción".
Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía pola súa obra Materia. O Ministerio de Cultura premia a poeta galega pola súa "poderosa proposta poética na que cada estado da materia se expresa nun ton propio". Foto: Xerais.
Unha fotografía do ceo estrelado tirada en Cangas, obra de Ignacio Martínez. acada o terceiro posto no certame Mi Rincón Favorito, no que participaron tres mil propostas de todo o Estado. Ademais, unha imaxe obtida en Ribadeo acadou un accésit e outra en Pontevedra unha mención especial.
Feijóo fracasa no seu primeiro intento de ser investido presidente do Goberno. O líder do PP só obtivo o apoio do seu grupo, de VOX, UPN e CC, sumando 172 votos a favor e 178 en contra. Este venres terá lugar a segunda votación, na que só necesita unha maioría simple (máis votos a favor que en contra). A repetición do resultado obtido hoxe significaría o rexeitamento definitivo da súa investidura.
Mobilizacións este xoves 28 de setembro no Día de acción global polo acceso ao aborto legal e seguro para reclamar un "aborto libre e garantido na sanidade pública" galega. A Marcha Mundial das Mulleres e a plataforma do Feminismo Unitario de Vigo convocan manifestacións e concentracións co foco nas 800 interrupcións voluntarias do embarazo ao ano que o Sergas vai subcontratar na privada co argumento de que a obxección de conciencia do seu persoal impide garantir os prazos de atención necesarios.
- HEMEROTECA | O Sergas di non ter persoal para 800 interrupcións voluntarias do embarazo ao ano e subcontrátaas por 460.000 euros
- HEMEROTECA | Críticas á subcontratación de abortos: “Non pode ser que a obxección de conciencia se concentre na pública"
- HEMEROTECA | A Xunta culpa o Ministerio de non ter un rexistro de profesionais obxectores de abortos
Familiares da galega desaparecida nun barco do CSIC, "indignados" pola "total falta de comunicación" do organismo. Advirten nun comunicado de que levan quince días de "incerteza, sen avances de ningún tipo".
Rinoceronte Editora reforza a súa aposta polas ferramentas de consulta en aberto e suma dous dicionarios ademais de actualizar o Dicionario Castelán-Galego. A editora con sede en Cangas do Morrazo presenta un dicionario de latín-galego baseado na aplicación para dispositivos móbiles Latingal, desenvolvida por José Carracedo Fraga e Raúl Gómez Pato, con máis de 24.000 entradas; e un dicionario etimolóxico para saber máis sobre a procedencia das palabras galegas, que conta cunhas 4.000 entradas e unha bibliografía –que tamén compartirán no seu sitio web– grazas ao traballo de David Rebolo Magariños.
PP e PSdeG votan en contra da ILP que pedía a corrección da letra do himno galego. A proposta impulsada por Vía Galega e Galiza Cultura fora asinada por unhas 16.000 persoas e só recibiu o apoio do BNG.