O Poder Xudicial arquiva a denuncia contra a xuíza de Marbella que utilizou expresións como "Galicia profunda" nos argumentos dun auto xudicial co que denegou a unha muller "a garda e custodia do seu fillo". A denuncia fora interposta pola letrada da nai. O instrutor resalta que, segundo a lei vixente, para actuar contra a "utilización en resolucións xudiciais de expresións innecesarias ou improcedentes, extravagantes ou manifestamente ofensivas ou irrespectuosas do punto de vista xurídico" debe haber unha actuación previa do Tribunal Superior -neste caso, Andalucía- se está abordando o asunto a través dun recurso, o cal non sucede neste caso
Fálase
O Tribunal Supremo confirma a condena de cinco anos e tres meses de prisión para un funcionario do Concello de Vigo pola contratación irregular dunha persoa vinculada á corporación municipal. O alto tribunal ratifica a sentenza da Audiencia de Pontevedra e considera que o que foi xefe de Participación e Atención Cidadá do consistorio vigués "urdiu un plan" para beneficiar a unha familiar da actual presidenta da Deputación de Pontevedra, e ve probados "delitos continuados" de "prevaricación en concurso medial" e "malversación de caudais públicos", e "un delito de falsidade documental en documento mercantil". Así mesmo, o Supremo condena a un ano e seis meses de prisión ao administrador dunha empresa como "cooperador necesario" na operación.
A Xunta prevé pedir á xustiza que a autorice a esixir o certificado COVID tamén en ximnasios ou outros “lugares pechados” nos que haxa “reunións privadas”, segundo avanzou este xoves o presidente Feijóo. O titular do Goberno galego tamén espera comezar a vacinar á rapazada de entre 5 e 12 anos a partir do 14 de decembro.
O bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García, visita o persoal de Alcoa e Jofrasa (que realiza o servizo de limpeza na factoría metalúrxica mariñá), ambos en folga indefinida. A diocese mindoniense, que xa amosara o seu apoio ao persoal mobilizado na folga xeral da Mariña o pasado 17 de novembro, explica que a visita se debe a que "o emprego de centos de familias corre un grave perigo".
As inscricións nas oficinas de emprego descenderon en 1.284 persoas en Galicia durante o mes de novembro (-0,84%, fronte ao -2,24% da media estatal) e quedan en 152.747, isto é, 34.725 menos que un ano antes (-18,52%, lixeiramente por riba do -17,36% estatal). No mesmo mes, as afiliacións medias á Seguridade Social aumentaron un 0,28% (no total estatal, un 0,31%) e situáronse en 1,035 millóns de persoas (+2.487), o que supón 25.614 máis que no mesmo mes de 2020. O crecemento interanual da afiliación en Galicia é do 2,54% e na media estatal, do 3,84%.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, abre a porta ao "debate" da vacinación obrigatoria contra a COVID e lembra que "hai un terzo da poboación" da UE que non se vacina malia "termos vacinas que salvan vidas". Nunha comparecencia ante a prensa en Bruxelas, Von der Leyen confirmou ademais que as vacinas para a infancia de entre 5 e 11 anos estarán dispoñibles dende o 13 de decembro. [Imaxe: © Comisión Europea]
Un xulgado do mercantil da Coruña declara Alu Ibérica en concurso de acredores tras considerar acreditado o seu estado de insolvencia. Segundo informa o TSXG, a maxistrada non resolveu sobre a solicitude de apertura de liquidación da empresa e dá cinco días ao administrador xudicial para acreditar que está autorizado para reclamala.
Adiado o Gran Premio de Atletismo do Eixo Atlántico que se ía celebrar o vindeiro 5 de decembro en Maia como pórtico dos Xogos do Eixo Atlántico 2022. A entidade que agrupa concellos galegos e do Norte de Portugal sinala que o adiamento se debe ás "novas medidas de control de accesos e realización de eventos" aprobadas polo Goberno portugués. Celebrarase "en canto a situación o permita", agregan.
A Comisión Europea desbota unha guía interna de linguaxe inclusiva tras protestas do Vaticano e da extrema dereita. A guía fora promovida pola comisaria de Igualdade, Helena Dalli, e pode consultarse nesta información de eldiario.es