A Fundación Xistral lanza a campaña M8 por ler! de promoción da literatura galega destacando que "somos unha terra de grandes historias". No vídeo, que lembra que só o 8% dos libros vendidos en Galicia están escritos en galego, participan Manuel Rivas, Borja Iglesias, Ledicia Costas, Xosé A. Touriñán, Elena Ferro, Fillas de Cassandra ou Andrea Maceiras
Fálase
Persoal da CRTVG en folga volve impedir a emisión do programa O Termómetro na Televisión de Galicia e anuncia unha concentración na Praza do Toural para o venres 13 ás 12h, coincidindo co paro de 24 horas co que pretenden afectar á programación de todo o día da Radio Galega, da TVG e das canles dixitais do ente público. Ese mesmo venres debera emitirse o último dos 65 programas d'O Termómetro contratados pola dirección da Corporación ás produtoras Papaventos TV e Setemedia, símbolo da folga que xa vai pola décima semana.
Opositores sirios declaran a súa vitoria sobre o réxime tras tomar o control da capital, tras trece anos de guerra. O presidente Bashar Al Asad abandona Damasco. Máis información en eldiario.es [📸 Unha nena carga leña para a súa familia en Ghouta oriental, en Siria © UNICEF / Al Shami]
Tres terremotos sentíronse en Lugo entre o serán do venres e a mañá deste sábado. O Instituto Xeográfico Nacional detectou un sismo arredor das sete e media da tarde do venres en Taboadela, outro preto da unha da madrugada en Triacastela e un terceiro sobre as nove e media da mañá deste sábado en Pedrafita do Cebreiro, que foi o de máis intensidade.
O PSdeG reclámalle á Xunta que constitúa o Consello da Memoria Democrática de Galicia. O grupo parlamentario dos socialistas rexistra no Parlamento unha serie de iniciativas "para que o Goberno galego cumpra a Lei de Memoria Democrática e poña en marcha un órgano que facilitará a participación cidadá na defensa dos dereitos humanos e a recuperación da memoria". O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou o Arquivo Militar Noroeste e reuniuse en Ferrol con representantes de entidades do eido da memoria histórica para analizar o impulso dese órgano. [📸 CC-BY-SA PSdeG]
O BNG celebra un a fundación do Partido Galeguista, o 6 de decembro de 1931, cun acto no Panteón de Galegos e Galegas Ilustres no que reivindicou o legado de Castelao, "do que nos sentimos herdeiros e herdeiras", salientou a portavoz nacional. "As nosas ideas teñen un obxectivo: construír a Galiza xusta e igualitaria, con futuro, que defendemos. Ese é o noso gran reto e, para iso, precisamos trasladar a nosa mensaxe con claridade como facía Castelao coa vaca alimentada por nós e muxida polos de sempre. Para cambiar as tornas e que sexamos nós as donas do que é noso", salientou Ana Pontón. [📸 CC-BY-SA BNG]
Activado o aviso laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo para este sábado. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia informa de que permanecerá activa a alerta desde o mediodía do sábado por mar combinada do noroeste con ondas de ata seis metros, chegando ata os sete metros entre Ortegal e Bares, así como en torno a Bares e mar adentro. Actívase tamén unha alerta amarela no suroeste da Coruña e en todo o litoral pontevedrés polo temporal no mar. A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa e que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar.
Nove semanas de folga indefinida nos medios de comunicación públicos do país. O persoal mobilizado da CRTVG volve parar este venres por vixésimo novena xornada na quenda da mañá para interromper a emisión do programa da TVG O Termómetro, símbolo da folga contra a externalización da produción de contidos informativos. No día no que se celebra a aprobación da Constitución española, o comité de folga fai un chamamento para que se respecten na Corporación os dereitos fundamentais que recoñece a Carta Magna. Lembran o xuízo gañado polo xornalista Carlos Jiménez, que viu vulnerado o seu dereito á liberdade de expresión e información, segundo foi ratificado polo TSXG, os expedientes disciplinarios que están en marcha por esta folga e mais unha presunta nova vulneración do dereito á folga por parte do ente público que está nos xulgados. [📸 Comité de folga CRTVG]
O persoal de Vitrasa acepta a proposta da empresa para renovar o convenio ata 2027. O cadro de persoal do transporte urbano de Vigo celebrou este xoves unha asemblea onde votaron 175 persoas a favor da renovación (o 67%), 80 en contra, cinco foron votos nulos e tres en branco. O acordo contempla unha suba do 3,1% para 2024 e do 4% nos tres anos seguintes, entre outros aspectos. O visto e prace foi ratificado por CC.OO., UXT e USO, que suman 8 delegados, e rexeitado pola CIG, que ten 5 representantes.
A Universidade de Santiago de Compostela abandona a red social X (antes Twitter) pola "deriva experimentada pola plataforma nos últimos meses" que, afirman, converteuna "nun espazo onde elementos democráticos esenciais coma os dereitos humanos son atacados de maneira constante e impune". A USC vén de anunciar esta decisión por acordo do Claustro "con 65 votos a favor, 15 en contra e 10 brancos", para deixar inactivos os seus perfís institucionais en X a causa da "xeración de contido tóxico conducente á desinformación que está a ser viralizado por algoritmos que deciden a que usuarios dan voz, así como a proliferación de bots que alimentan estas tendencias". [📸 © Santi Alvite / USC]