Opositores sirios declaran a súa vitoria sobre o réxime tras tomar o control da capital, tras trece anos de guerra. O presidente Bashar Al Asad abandona Damasco. Máis información en eldiario.es [📸 Unha nena carga leña para a súa familia en Ghouta oriental, en Siria © UNICEF / Al Shami]
Fálase
Tres terremotos sentíronse en Lugo entre o serán do venres e a mañá deste sábado. O Instituto Xeográfico Nacional detectou un sismo arredor das sete e media da tarde do venres en Taboadela, outro preto da unha da madrugada en Triacastela e un terceiro sobre as nove e media da mañá deste sábado en Pedrafita do Cebreiro, que foi o de máis intensidade.
O PSdeG reclámalle á Xunta que constitúa o Consello da Memoria Democrática de Galicia. O grupo parlamentario dos socialistas rexistra no Parlamento unha serie de iniciativas "para que o Goberno galego cumpra a Lei de Memoria Democrática e poña en marcha un órgano que facilitará a participación cidadá na defensa dos dereitos humanos e a recuperación da memoria". O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou o Arquivo Militar Noroeste e reuniuse en Ferrol con representantes de entidades do eido da memoria histórica para analizar o impulso dese órgano. [📸 CC-BY-SA PSdeG]
O BNG celebra un a fundación do Partido Galeguista, o 6 de decembro de 1931, cun acto no Panteón de Galegos e Galegas Ilustres no que reivindicou o legado de Castelao, "do que nos sentimos herdeiros e herdeiras", salientou a portavoz nacional. "As nosas ideas teñen un obxectivo: construír a Galiza xusta e igualitaria, con futuro, que defendemos. Ese é o noso gran reto e, para iso, precisamos trasladar a nosa mensaxe con claridade como facía Castelao coa vaca alimentada por nós e muxida polos de sempre. Para cambiar as tornas e que sexamos nós as donas do que é noso", salientou Ana Pontón. [📸 CC-BY-SA BNG]
Activado o aviso laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo para este sábado. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia informa de que permanecerá activa a alerta desde o mediodía do sábado por mar combinada do noroeste con ondas de ata seis metros, chegando ata os sete metros entre Ortegal e Bares, así como en torno a Bares e mar adentro. Actívase tamén unha alerta amarela no suroeste da Coruña e en todo o litoral pontevedrés polo temporal no mar. A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa e que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar.
Nove semanas de folga indefinida nos medios de comunicación públicos do país. O persoal mobilizado da CRTVG volve parar este venres por vixésimo novena xornada na quenda da mañá para interromper a emisión do programa da TVG O Termómetro, símbolo da folga contra a externalización da produción de contidos informativos. No día no que se celebra a aprobación da Constitución española, o comité de folga fai un chamamento para que se respecten na Corporación os dereitos fundamentais que recoñece a Carta Magna. Lembran o xuízo gañado polo xornalista Carlos Jiménez, que viu vulnerado o seu dereito á liberdade de expresión e información, segundo foi ratificado polo TSXG, os expedientes disciplinarios que están en marcha por esta folga e mais unha presunta nova vulneración do dereito á folga por parte do ente público que está nos xulgados. [📸 Comité de folga CRTVG]
O persoal de Vitrasa acepta a proposta da empresa para renovar o convenio ata 2027. O cadro de persoal do transporte urbano de Vigo celebrou este xoves unha asemblea onde votaron 175 persoas a favor da renovación (o 67%), 80 en contra, cinco foron votos nulos e tres en branco. O acordo contempla unha suba do 3,1% para 2024 e do 4% nos tres anos seguintes, entre outros aspectos. O visto e prace foi ratificado por CC.OO., UXT e USO, que suman 8 delegados, e rexeitado pola CIG, que ten 5 representantes.
A Universidade de Santiago de Compostela abandona a red social X (antes Twitter) pola "deriva experimentada pola plataforma nos últimos meses" que, afirman, converteuna "nun espazo onde elementos democráticos esenciais coma os dereitos humanos son atacados de maneira constante e impune". A USC vén de anunciar esta decisión por acordo do Claustro "con 65 votos a favor, 15 en contra e 10 brancos", para deixar inactivos os seus perfís institucionais en X a causa da "xeración de contido tóxico conducente á desinformación que está a ser viralizado por algoritmos que deciden a que usuarios dan voz, así como a proliferación de bots que alimentan estas tendencias". [📸 © Santi Alvite / USC]
O Burela FS deixa de ser Pescados Rubén dúas décadas despois. "A situación actual do sector de transformación pesqueira levan a dirección da empresa a ceder o lugar privilexiado como patrocinador principal", explica o club burelao, que subliña non ter "palabras suficientes para agradecer á empresa a aposta polo club". O Burela, cuxos primeiros equipos feminino e masculino militan nas máximas categorías do fútbol sala, "envórcase na procura dun novo patrocinador principal que aposte polos valores do deporte e da igualdade". Nos últimos anos o Burela vén destacando polo seu amplo palmarés, especialmente do equipo feminino, pioneiro en ámbitos coma os dereitos laborais das súas xogadoras.
O conselleiro de Sanidade asegura que para incorporar ao Sergas os mutualistas de Muface precisaría "arredor de 40 médicos de familia máis para atender o incremento da demanda, tendo en conta que a ratio máxima recomendada é de 1.500 pacientes por médico". Antonio Gómez Caamaño advertiu no Parlamento que os mutualistas terán dificultades se pasan ao Sergas porque "o sistema sanitario privado non conta cunha historia clínica electrónica equiparable" á da sanidade pública. “É preciso coñecer os tratamentos que vén seguindo cada paciente, as intervencións ou probas ás que foi sometido, os tratamentos que ten pendentes, as alerxias a medicamentos ou as patoloxías previas", asegurou o conselleiro.