A Executiva do PSdeG de Ourense aproba "facer todo o que estea na nosa man para garantir o cambio na Deputación", o que necesariamente implica un acordo con Democracia Ourensana que tamén precisaría dos votos do BNG. Tras as eleccións municipais do pasado 28M, o PP volveu quedar sen maioría absoluta na institución, con 12 escanos fronte a 7 socialistas, 3 do Bloque e 3 do partido de Jácome. A suma de todas as formacións diferentes do PP sería dabondo para evitar a reelección de José Manuel Baltar, poñendo así fin a tres décadas de dominio baltarista na Deputación. Un eventual pacto con DO non sería do agrado do PSdeG da cidade de Ourense, segundo vén manifestando. Máis información, este mércores en Praza.gal. Na imaxe, reunión da dirección provincial dos socialistas ourensáns, este martes.
