O Congreso aproba o decreto de medidas de emerxencia pola guerra de Irán. Só Vox votou en contra e PP e Podemos abstivéronse.
O Congreso aproba o decreto de medidas de emerxencia pola guerra de Irán. Só Vox votou en contra e PP e Podemos abstivéronse.
O pleno de Lugo aproba definitivamente os orzamentos de 2026 cos votos a prol do goberno local (PSdeG e BNG) e da dende hoxe concelleira non adscrita, a ex-socialista María Reigosa, que confimou esta semana a súa marcha do grupo de goberno. O alcalde, Miguel Fernández, tivo que facer uso do seu voto de calidade por estar hospitalizada outra edil do PSdeG, Olga López Racamonde, desfacendo así un empate a 12 coa ducia de votos do PP contra as contas. O orzamento está dotado con 132 millóns de euros, os máis elevados da historia do Concello lucense. Na imaxe, o alcalde e o tenente da alcaldía, Rubén Arroxo, na presentación do proxecto orzamentario a finais de xaneiro.
O pleno de Santiago valida a cuestión de confianza formulada pola alcaldesa vencellada aos orzamentos de 2026, que quedan aprobados inicialmente. Goretti Sanmartín acudiu a esta fórmula, que sae adiante cos votos do goberno de BNG e CA e mais do grupo de non adscritos, xusto ao día seguinte de que o pleno -na imaxe- rexeitase as contas por mor da abstención dos antigos edís socialistas. Na votación deste xoves os dous concelleiros do PSdeG abstivéronse e o PP volveu votar en contra, mentres que os non adscritos xustifican a mudanza para non demorar un mes as contas xa que, sinalan, non había posibilidade ningunha de que apoiasen unha moción de censura contra a rexedora. [Imaxe: © Concello de Santiago]
Avia Veira será a candidata do BNG á alcaldía da Coruña nas municipais de 2027. A asemblea local do Bloque na cidade ratificará a súa candidatura este serán e, xa con esa condición, este xoves estará acompañada por Ana Pontón nunha primeira presentación ante os medios. Nas últimas dúas eleccións municipais a concelleira ocupara o número dous da lista encabezada por Francisco Jorquera, quen recentemente anunciou a súa retirada da primeira liña da vida política tras unha dilatada traxectoria. [Imaxe: BNG]
Folga conxunta nos medios públicos nas vindeiras eleccións xerais ou municipais. A plataforma RTVs Públicas en Loita conclúe en Sevilla o seu segundo encontro co acordo de convocaren unha mobilización unitaria en todos os medios aos que representan "coincidindo co arranque das próximas eleccións xerais ou municipais de 2027". O comité intercentros da CSAG -antiga CRTVG- integra esta plataforma, constituída en Santiago o pasado 2025, canda os seus homólogos dos medios públicos de Euskadi, Catalunya, Andalucía, Madrid, Asturias, Estremadura, Canarias, Castilla-La Mancha, Aragón, Balears e a Comunitat Valenciana, así como de seccións sindicais de CCOO e CGT en RTVE e de CCOO en Murcia. Na imaxe, participantes no encontro, nun plató de informativos de Canal Sur.
Acordo entre o sindicato médico O'Mega e o Sergas para suspender a folga na Atención Primaria que leva provocada a suspensión dunhas 70.000 consultas dende o pasado día 2.
O festival Sinsal confirma que continuará celebrándose na Illa de San Simón este ano, pero na fin de semana seguinte "ampliará a súa actividade" á cidade de Vigo e outras localidades da contorna. Ante a controversia xerada pola posibilidade de que a declaración de San Simón como Lugar de Memoria Democrática impedise celebrar o evento, que acumula quince edicións, a organización confirma que volve á illa co seu cartel secreto do 24 ao 26 de xullo e, ademais, do 31 de xullo ao 2 de agosto "contará con directos e propostas culturais" expandíndose pola cidade olívica e puntos do Camiño Portugués. Na imaxe, un concerto no festival [© Olalla Lojo]
O presidente da Junta de Andalucía convoca eleccións para o 17 de maio, en vésperas da conclusión da lexislatura iniciada coas eleccións de xuño de 2022, nas que o PP acadara unha maioría absoluta que Juan Manuel Moreno aspira agora a revalidar. A convocatoria precipita, ademais, a saída do Goberno de España da vicepresidenta e ministra de Facenda, María Jesús Montero, para ser candidata do PSOE. [Imaxe: © Junta de Andalucía]
📩❗️As socias e socios de Praza.gal veñen de recibir un correo cun importante adianto informativo
A edil ex-socialista María Reigosa abandona o grupo de goberno do Concello de Lugo e déixao en minoría ao ficar como non adscrita, avanza El Progreso. Reigosa chegou á corporación lucense en outubro do pasado 2025 -na imaxe- como remuda do falecido concelleiro Pablo Permuy e tras manifestar diversas discrepancias deuse de baixa no PSdeG a principios deste ano mentres unía o seu voto ao do PP nalgunhas iniciativas no pleno municipal. A concelleira asegura, non obstante, que non participaría nunha moción de censura co PP, formación que agora pasa a estar empatada a 12 edís co grupo de goberno, composto por 7 representantes socialistas e 5 do BNG. Na imaxe, [©Concello de Lugo], Reigosa tomando posesión da acta de concelleira polo PSdeG.