O pleno de Santiago valida a cuestión de confianza formulada pola alcaldesa vencellada aos orzamentos de 2026, que quedan aprobados inicialmente. Goretti Sanmartín acudiu a esta fórmula, que sae adiante cos votos do goberno de BNG e CA e mais do grupo de non adscritos, xusto ao día seguinte de que o pleno -na imaxe- rexeitase as contas por mor da abstención dos antigos edís socialistas. Na votación deste xoves os dous concelleiros do PSdeG abstivéronse e o PP volveu votar en contra, mentres que os non adscritos xustifican a mudanza para non demorar un mes as contas xa que, sinalan, non había posibilidade ningunha de que apoiasen unha moción de censura contra a rexedora. [Imaxe: © Concello de Santiago]