Gonzalo Hermo gaña o XXII Premio Miguel González Garcés de poesía da Deputación coa obra Un xesto de ternura porque "ofrece unha experiencia poética completa, cunha estrutura ben meditada, que conxuga a beleza da palabra coa profundidade do pensamento", segundo salienta o xurado, formado polas poetas Yolanda Castaño, Pablo Otero Rodríguez, Míriam Ferradáns, Samuel Merino e Oriana Méndez. O poemario gañador "propón unha poesía introspectiva e depurada, onde a linguaxe rica e evocadora se achega á súa forma máis pura, eliminando excesos e retóricas para lograr unha obra de precisión sensorial". O poeta de Taragoña (Rianxo) foi distinguido co Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova en 2015 polo poemario Celebración (Apiario), entre outros galardóns.
