Os incendios de Crecente e Entrimo superan xa as 200 hectáreas cada un, o primeiro con risco para vivendas e o segundo no parque do Xurés tras entrar desde Portugal. Na imaxe, de @BrifLaza, o incendio de Entrimo.
Fálase
A Xunta mantén que rescatar a AP-9 custaría en torno á metade do estimado polo Goberno de Rajoy e polo ministro Óscar Puente. A Consellería de Planificación de Infraestruturas asegura contar xa cun informe elaborado por "unha empresa experta e independente", a consultora Eptisa, que cifra "en 526 millóns o custo da transferencia" á Xunta e "entre 1.612 e 2.355" un eventual rescate. O Goberno do PP de Rajoy bloqueou o traspaso da autoestrada asegurando mediante un cálculo erróneo que un eventual rescate custaría uns 4.300 millóns e o actual ministro de Transportes cifrouno nuns 4.000 millóns. Polo momento, o Goberno galego non fixo público o devandito informe. Na imaxe, a conselleira María Martínez Allegue presentando as cifras co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e con Marcos Maderuelo, representante de Eptisa.
Un incendio iniciado en Portugal queima unhas 180 hectáreas no parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, no concello de Entrimo. A parte do incendio en terreo portugués atinxe unhas mil hectáreas. Ademais, a Consellería do Medio Rural informa doutro incendio en Crecente dunhas 100 hectáreas pero que obrigou a decretar a denominada "situación 2" durante a noite pola proximidade do lume a dous núcleos de poboación: Ameixeira e Os Reinaldos. Na imaxe, o incendio de Entrimo [ © Brif Laza]
A Xunta urxe o Goberno de España a "examinar o expediente de Altri para que poida obter canto antes fondos europeos". A conselleira de Economía acusa o Executivo central de "discriminar a Galicia" por aprobar este pasado martes unha achega para un proxecto de hidróxeno verde na Comunitat Valenciana e Murcia da compañía Cobra Solutions. Non promover que Altri logre financiamento público, agrega María Jesús Lorenzana, supón unha "discriminación absurda" a Galicia. A compañía portuguesa aspira a 250 millóns públicos para erguer a factoría en Palas en alianza coa Xunta e a enerxética Greenalia.
- HEMEROTECA | A Comisión Europea non recibiu aínda ningunha solicitude de fondos para Altri
- HEMEROTECA | A UE pon o foco nas augas que quere captar Altri e lembra que a Xunta ten pendentes melloras ambientais
- HEMEROTECA | Os fondos públicos que Altri reclama para instalarse en Palas dependen do visto e prace ambiental da UE
José Luis Escrivá, ata agora ministro de Transformación Dixital, será o novo gobernador do Banco de España. No ministerio será substituído por Óscar López, ata agora xefe de gabinete de Pedro Sánchez.
O ciclista coruñés Damián Ramos acada unha nova medalla de bronce para Galicia nos Xogos Paralímpicos de París. Ramos foi terceiro na proba contra o reloxo individual C4. É o terceiro metal conseguido polos deportistas galegos, despois do ouro de Susana Rodríguez Gacio e do bronce de Juan Antonio Saavedra.
O ex-conselleiro Agustín Hernández e o ex-director de Mobilidade Ignacio Saavedra, funcionarios de carreira, son recolocados en dous postos de libre designación en Augas de Galicia, segundo publica o DOG. Hernández é subdirector xeral de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas e Maestro subdirector xeral de Planificación da Xestión dos Recursos Hídricos.
Falece aos 78 anos o xornalista Javier Sánchez de Dios. A súa carreira profesional estivo intimamente ligada ao Faro de Vigo, onde desempeñou diversas responsabilidades e colaborou como analista político ata a fin da súa vida. Tamén estivo vencellado a varias emisoras de radio; a última, Radio Líder. En 2022 -na imaxe- recibiu a Medalla Castelao.
Isabel Perelló, nova presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo tras recibir 16 dos 20 votos do Consello. A maxistrada catalá, primeira muller en exercer este posto, estudou Dereito na Universidade de Santiago e acumula case catro décadas na carreira xudicial. É membro da progresista asociación Xuíces e Xuízas para a Democracia. [Imaxe: © Tribunal Supremo]
Cesa tras só 4 meses no cargo o director xeral de Calidade Ambiental, o departamento encargado da avaliación ambiental de proxectos como o de Altri ou os eólicos. Ramón Martínez Boga é substituído por María José Echevarría, que foi subdirectora xeral nesa mesma área e ata este nomeamento era directora territorial de Cultura en Pontevedra.