Isabel Perelló, nova presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo tras recibir 16 dos 20 votos do Consello. A maxistrada catalá, primeira muller en exercer este posto, estudou Dereito na Universidade de Santiago e acumula case catro décadas na carreira xudicial. É membro da progresista asociación Xuíces e Xuízas para a Democracia. [Imaxe: © Tribunal Supremo]
Fálase
Cesa tras só 4 meses no cargo o director xeral de Calidade Ambiental, o departamento encargado da avaliación ambiental de proxectos como o de Altri ou os eólicos. Ramón Martínez Boga é substituído por María José Echevarría, que foi subdirectora xeral nesa mesma área e ata este nomeamento era directora territorial de Cultura en Pontevedra.
Eloína Injerto, nova directora da fundación coa que a Xunta tutela máis de 3.000 persoas adultas. Política Social tiña vacante o posto directivo da FUNGA dende mediados de xuño mentres o funcionamento da entidade segue a acumular eivas. Injerto é traballadora social e nos últimos anos desempeñou diversas responsabilidades como a dirección territorial da Fundación Juan Soñador ou a presidencia da Rede Galega contra a Pobreza.
- HEMEROTECA | A fundación coa que a Xunta tutela miles de persoas adultas seguirá sen dirección cando menos ata setembro
- HEMEROTECA | A Xunta cifra en 270 os afectados dos que divulgou datos persoais a súa fundación de tutela de adultos
- HEMEROTECA | A Xunta divulga por erro en internet ducias de nomes de persoas ás que tutela e as súas débedas ou axudas
Néboa no Fiouco e un incendio no túnel de Folgoso cortaron a A-8 o sábado e a A-52 o domingo en plena operación retorno das vacacións. Ademais, a A-6 segue coa súa capacidade reducida a un só carril de saída en Pedrafita mentres non se reconstrúan os seus dous viadutos.
As fins de semana de agosto Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixámosvos moito para lerdes e o luns estamos de volta.
‘As Neves’ participará na sección ‘Made in Spain’ do Festival de San Sebastián. A longametraxe As Neves, ópera prima escrita e dirixida pola galega Sonia Méndez, atópase entre os filmes incluídos na sección Made In Spain do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, que se celebra en setembro. A sección ofrece unha escolma das mellores películas do panorama cinematográfico estatal do ano, ás que o Festival ofrece unha plataforma para a súa difusión internacional.
Leonor de Borbón, herdeira da xefatura do Estado, ingresou este xoves na Escola Naval de Marín. Alí recibirá formación ata xaneiro, cando embarque no buque-escola Juan Sebastián de Elcano. [Foto: Casa Real]
Tres cruceiros no mesmo día no porto da Coruña con 12.500 persoas a bordo. A Autoridade Portuaria salienta que desde xaneiro xa van cen escalas e que en setembro agárdanse 27 máis "con varias xornadas nas que coincidirán dous ou tres cruceiros".
Descuberta na Illa de Tambo unha especie de musgo única en Galicia. O botánico José Luis Caamaño achou exemplares de Rhynchostegiella tenella (Dicks.) Limpr., un musgo diminuto, con pólas de ata 3 mm e follas de ata 0,8 mm, que forma tapices en lugares sombrizos e húmidos, “como un veo de apariencia fantasmagórica” en rochas ou paredes, informa Adega. Na Península Ibérica está presente na zona mediterránea e o máis próximo citouse en Asturias, segundo explica a asociación ecoloxista, que incide na necesidade de protexer a Illa de Tambo e a súa contorna como ENIL (Espazo Natural de Interese Local), pendente de aprobación polo Concello de Poio e a Xunta.
Dimite a primeira tenente de alcaldesa de Cangas, Iria Malvido, do PSdeG, tras dar positivo en alcol mentres conducía a pasada fin de semana. O BNG, que ten a alcaldía, pedira ao PSdeG que substituíse a Malvido ou a expulsaría do goberno de coalición que comparten. [Foto: Concello de Cangas]