José Luis Escrivá, ata agora ministro de Transformación Dixital, será o novo gobernador do Banco de España. No ministerio será substituído por Óscar López, ata agora xefe de gabinete de Pedro Sánchez.
Fálase
O ciclista coruñés Damián Ramos acada unha nova medalla de bronce para Galicia nos Xogos Paralímpicos de París. Ramos foi terceiro na proba contra o reloxo individual C4. É o terceiro metal conseguido polos deportistas galegos, despois do ouro de Susana Rodríguez Gacio e do bronce de Juan Antonio Saavedra.
O ex-conselleiro Agustín Hernández e o ex-director de Mobilidade Ignacio Saavedra, funcionarios de carreira, son recolocados en dous postos de libre designación en Augas de Galicia, segundo publica o DOG. Hernández é subdirector xeral de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas e Maestro subdirector xeral de Planificación da Xestión dos Recursos Hídricos.
Falece aos 78 anos o xornalista Javier Sánchez de Dios. A súa carreira profesional estivo intimamente ligada ao Faro de Vigo, onde desempeñou diversas responsabilidades e colaborou como analista político ata a fin da súa vida. Tamén estivo vencellado a varias emisoras de radio; a última, Radio Líder. En 2022 -na imaxe- recibiu a Medalla Castelao.
Isabel Perelló, nova presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo tras recibir 16 dos 20 votos do Consello. A maxistrada catalá, primeira muller en exercer este posto, estudou Dereito na Universidade de Santiago e acumula case catro décadas na carreira xudicial. É membro da progresista asociación Xuíces e Xuízas para a Democracia. [Imaxe: © Tribunal Supremo]
Cesa tras só 4 meses no cargo o director xeral de Calidade Ambiental, o departamento encargado da avaliación ambiental de proxectos como o de Altri ou os eólicos. Ramón Martínez Boga é substituído por María José Echevarría, que foi subdirectora xeral nesa mesma área e ata este nomeamento era directora territorial de Cultura en Pontevedra.
Eloína Injerto, nova directora da fundación coa que a Xunta tutela máis de 3.000 persoas adultas. Política Social tiña vacante o posto directivo da FUNGA dende mediados de xuño mentres o funcionamento da entidade segue a acumular eivas. Injerto é traballadora social e nos últimos anos desempeñou diversas responsabilidades como a dirección territorial da Fundación Juan Soñador ou a presidencia da Rede Galega contra a Pobreza.
- HEMEROTECA | A fundación coa que a Xunta tutela miles de persoas adultas seguirá sen dirección cando menos ata setembro
- HEMEROTECA | A Xunta cifra en 270 os afectados dos que divulgou datos persoais a súa fundación de tutela de adultos
- HEMEROTECA | A Xunta divulga por erro en internet ducias de nomes de persoas ás que tutela e as súas débedas ou axudas
Néboa no Fiouco e un incendio no túnel de Folgoso cortaron a A-8 o sábado e a A-52 o domingo en plena operación retorno das vacacións. Ademais, a A-6 segue coa súa capacidade reducida a un só carril de saída en Pedrafita mentres non se reconstrúan os seus dous viadutos.
As fins de semana de agosto Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixámosvos moito para lerdes e o luns estamos de volta.
‘As Neves’ participará na sección ‘Made in Spain’ do Festival de San Sebastián. A longametraxe As Neves, ópera prima escrita e dirixida pola galega Sonia Méndez, atópase entre os filmes incluídos na sección Made In Spain do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, que se celebra en setembro. A sección ofrece unha escolma das mellores películas do panorama cinematográfico estatal do ano, ás que o Festival ofrece unha plataforma para a súa difusión internacional.