A Xunta mantén que rescatar a AP-9 custaría en torno á metade do estimado polo Goberno de Rajoy e polo ministro Óscar Puente. A Consellería de Planificación de Infraestruturas asegura contar xa cun informe elaborado por "unha empresa experta e independente", a consultora Eptisa, que cifra "en 526 millóns o custo da transferencia" á Xunta e "entre 1.612 e 2.355" un eventual rescate. O Goberno do PP de Rajoy bloqueou o traspaso da autoestrada asegurando mediante un cálculo erróneo que un eventual rescate custaría uns 4.300 millóns e o actual ministro de Transportes cifrouno nuns 4.000 millóns. Polo momento, o Goberno galego non fixo público o devandito informe. Na imaxe, a conselleira María Martínez Allegue presentando as cifras co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e con Marcos Maderuelo, representante de Eptisa.
