Este xoves culmina o apagado das cubas de Alcoa na Mariña en aplicación do plan que contempla o peche da planta de aluminio de San Cibrao por dous anos a cambio de manter os empregos.
Fálase
Pacto para unha candidatura única no congreso provincial do PSdeG na provincia de Pontevedra, onde David Regades continuará como secretario xeral tras pechar un acordo coa outra aspirante nas primarias, a deputada Paloma Castro. O pacto chega apenas dous días despois de que José Tomé e Xosé María Arias tamén integrasen nunha soa as súas candidaturas ás primarias en Lugo, onde o presidente da Deputación será o novo secretario provincial. [Imaxe: PSdeG]
Estragan con cortes boa parte dos paneis da exposición Galiza, un pobo, unha selección instalada fronte á Deputación de Lugo, na rúa de San Marcos da capital lucense. O responsable de Deportes da Deputación, Efrén Castro, condena "uns actos inxustificables" que, ao seu xuízo, "amosan o que traen os discursos de odio, que non toleran o diferente e responden con violencia a calquera actividade ou opinión distinta á súa". A exposición está promovida pola plataforma Vía Galega co apoio da institución provincial [Imaxe: Deputación de Lugo]
O Burela Futbol Sala, elixido mellor equipo do mundo por segundo ano consecutivo nos Futsalplanet Awards. As xogadoras laranxa gañaron o mes pasado o torneo máis importante a nivel europeo, o Futsal Women's European Champions, un triunfo que se uniu ao seu dominio nas dúas últimas ligas españolas, as tres últimas Copas da Raíña e as dúas últimas Supercopas. Ademais do recoñecemento para o equipo, o seu ex-adestrador Julio Delgado foi escollido como o mellor do mundo e Peque foi votada como a segunda mellor xogadora do planeta.
Marina Castaño relaciona os atentados do 11-M coas perdas da Fundación Cela que levaron á Xunta a rescatala. A viúva do escritor publica unha carta polo 20 aniversario do seu pasamento na que argumenta que Zapatero gañou os comicios tras os atentados e levou a España a unha crise -da que obvia o colapso financeiro internacional- que fixo que “os bancos e as empresas” que apoiaban a Fundación Cela deixasen de facelo. “Dese xeito, en 2011 tiven que entregala á Xunta de Galicia”, di, obviando o custo de fondos públicos que tivo a operación.
O Concello de Pontevedra abre o convento de Santa Clara ás visitas guiadas dende o 21 de xaneiro. Pódense reservar nesta ligazón. O histórico recinto foi adquirido polo consistorio tras 750 anos como sede da orde relixiosa de clausura.
O mural de Diego As (Diego Anido) na Ronda da Muralla de Lugo baseado na figura de Xulio César, candidato a mellor mural urbano do mundo na votación da plataforma Street Art Cities, na que se pode participar nesta ligazón. O deseño, que é parte do proxecto Urban Cores do Concello lucense, xa fora elixido mellor graffiti do mundo no mes de agosto de 2021 na votación organizada pola mesma rede. [Imaxe: CC-BY-SA Praza.gal]
Os dous aspirantes á secretaría xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé e Xosé María Arias, pactan unha candidatura única. Tomé, alcalde de Monforte e presidente da Deputación, será o novo secretario provincial e Arias, alcalde de Castroverde, asumirá a vicesecretaría xeral na provincia. Ambos aseguran que o pacto, selado co aval do líder do PSdeG, Valentín González Formoso, garante a "unidade"
A XXIII conferencia anual sobre Plácido Castro, que este ano lembrará o seu paso pola BBC, celébrase o próximo martes 25 de xaneiro en Allariz. Impartida polo profesor e historiador Afonso Vázquez-Monxardín, será ás 20.00 horas na Casa da Cultura.
A Executiva do PSdeG-PSOE vén de designar o deputado lucense Luís Álvarez como novo portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, en substitución de Gonzalo Caballero