O Concello de Pontevedra abre o convento de Santa Clara ás visitas guiadas dende o 21 de xaneiro. Pódense reservar nesta ligazón. O histórico recinto foi adquirido polo consistorio tras 750 anos como sede da orde relixiosa de clausura.
Fálase
O mural de Diego As (Diego Anido) na Ronda da Muralla de Lugo baseado na figura de Xulio César, candidato a mellor mural urbano do mundo na votación da plataforma Street Art Cities, na que se pode participar nesta ligazón. O deseño, que é parte do proxecto Urban Cores do Concello lucense, xa fora elixido mellor graffiti do mundo no mes de agosto de 2021 na votación organizada pola mesma rede. [Imaxe: CC-BY-SA Praza.gal]
Os dous aspirantes á secretaría xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé e Xosé María Arias, pactan unha candidatura única. Tomé, alcalde de Monforte e presidente da Deputación, será o novo secretario provincial e Arias, alcalde de Castroverde, asumirá a vicesecretaría xeral na provincia. Ambos aseguran que o pacto, selado co aval do líder do PSdeG, Valentín González Formoso, garante a "unidade"
A XXIII conferencia anual sobre Plácido Castro, que este ano lembrará o seu paso pola BBC, celébrase o próximo martes 25 de xaneiro en Allariz. Impartida polo profesor e historiador Afonso Vázquez-Monxardín, será ás 20.00 horas na Casa da Cultura.
A Executiva do PSdeG-PSOE vén de designar o deputado lucense Luís Álvarez como novo portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, en substitución de Gonzalo Caballero
A Organización Galega de Montes Comunais presentou este venres no Parlamento unha ILP para acadar unha lei que protexa os montes comunais. A entidade busca "contrarrestar os cambios normativos impulsados polo Partido Popular para permitir privatizar os montes veciñais en man común, para entregarllos ás empresas forestais e madereiras".
Feijóo anuncia “un comité para elaborar unha estratexia” para que Galicia aproveite o AVE un mes despois da súa inauguración e tras dúas décadas de obras. O presidente tamén pide “reflexión sobre a conveniencia de adaptar o ancho de vía entre Ourense e Santiago ao ancho internacional”, o que trasladaría de Ourense a Santiago as dificultades para enlazar un e outro tipo de ancho na rede viaria galega e non deixar sen conexión os portos da fachada atlántica.
O Tribunal Superior autoriza á Xunta a prorrogar o veto ás reunións entre non conviventes tras o peche dos pubs (de 3h a 6h), que a partir do 18 de xaneiro se limitará ás noites dos xoves, venres e sábados -isto é, nas madrugadas dos venres, sábados e domingos-. A sala, que ve "evidente" a necesidade de "persistir nas medidas que se orientan a reducir a interacción social", tamén permite ao Goberno galego manter a esixencia do certificado COVID nos lugares onde xa viña sendo obrigatorio. A autorización chega ata o 29 de xaneiro.
Un estudo publicado na revista Science sinala o virus Epstein-Barr, que causa a mononucleose, como responsable da esclerose múltiple. GCiencia explica a importancia destas pescudas. Na imaxe [CC BY-SA Liza Gross], o virus ao microscopio.
O pleno da Coruña aproba dedicar unha rúa a Irene González Basanta, pioneira do fútbol na cidade nos anos 20 do século pasado. A iniciativa foi defendida pola edil non adscrita, Isabel Faraldo (Podemos) e aprobada por unanimidade. [Imaxe: © Colección Matilde Regaldíe]