Galicia pecha o ano con 5.500 persoas paradas menos e 17.400 empregos máis, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados este martes. É o nivel máis baixo de paro desde o segundo trimestre de 2008.
Fálase
Nova xornada de folga na CRTVG. O persoal mobilizado concéntrase esta mañá ante o Parlamento, cadrando co debate das emendas á totalidade formuladas por BNG e PSdeG á nova lei dos medios públicos impulsada pola Xunta, que entre outros preceptos implica que o PP poida remudar o actual director xeral só cos seus votos. Máis información, hoxe en Praza.gal.
Os ministerios de Traballo e Economía acordan aprobar na próxima semana a redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais. Aprobarase por vía de urxencia e respectando o texto pactado cos sindicatos, aínda que para a súa aplicación tería que ser aprobada pola maioría do Congreso.
José Manuel Baltar, condenado no Supremo por un delito contra a seguridade viaria ao quedar "probado que circulaba a máis de 200 km/h" aos mandos do coche oficial da Deputación de Ourense pola autovía A-52. O ex-presidente da institución ourensá e actual senador por designación do Parlamento de Galicia terá retirado o carné durante un ano e un día e ten que afrontar unha multa de 1.800 euros da que lle descontan o que xa pagou en vía administrativa.
Falece o escultor César Lombera, autor de emblemáticas obras que xa son parte da xeografía urbana galega como as representacións das Marías e Valle Inclán na Alameda de Santiago, a Tertulia da praza de San Xosé de Pontevedra, o Carrabouxo do parque de San Lázaro en Ourense ou o marques de Sargadelos na casa consistorial de Ribadeo, entre outras moitas. Vasco de nacemento, Lombera viviu en Galicia dende a infancia, onde exerceu como arousán durante toda a súa vida. [Imaxe: © Concello de Santiago]
Luns de alerta vermella en todo o litoral galego agás na Mariña, onde é laranxa, polos efectos da borrasca Herminia, pola que se manteñen tamén alertas laranxas por vento en terra nas provincias da Coruña e Pontevedra, na maior parte da de Ourense e en concellos mariñaos. Ata as 8 desta mañá domingo o temporal xa deixara unhas 1.200 incidencias por todo o país, segundo Emerxencias, "a maior parte" por caídas de árbores e pólas, cables caídos e derrubas, así como cortes de luz. A meteoroloxía adversa continúa tamén este martes, segundo MeteoGalicia, en niveis amarelos e vermellos. [Mapa: Axega]
O Celta ampliará a súa cidade deportiva en Mos só en terreos da comunidade de montes de Pereiras tras chegar a un acordo coa outra afectada, a de Tameiga, que se opuña. Con este acordo os comuneiros de Tameiga, que cualificaran o proxecto como "pelotazo urbanístico" da familia Mouriño, propietaria do Celta, renuncian a seguir a vía xudicial contra o proxecto, que xa constatara que as obras comezaran ilegalmente. Tras a legalización do xa construído, a Xunta impulsa agora unha ampliación. Na imaxe, unha reunión en 2022 de Carlos Mouriño cos comuneiros de Tameiga.
- A sentenza do TSXG que legaliza o xa construído da cidade deportiva do Celta reitera que foi iniciada ilegalmente
- A fragmentación por fases da súa cidade deportiva permite ao Celta eludir unha avaliación ambiental completa
- A comunidade de montes contraria á cidade deportiva do Celta acusa a Mouriño de "facer negocio persoal cun pelotazo urbanístico"mou
A cantante Uxía Senlle e o pianista Juan Carlos Cambas comparten un tema de homenaxe ao ex-presidente uruguaio José Mujica, con cancro terminal. A canción súmase a unha serie de homenaxes musicais impulsados con artistas de todo o mundo polo arxentino León Gieco.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía ten activo aviso vermello no litoral da Coruña para este domingo, con nivel laranxa ou amarelo por chuvia e vento en todo o país.
Pontevedra acolle este sábado os Premios Feroz, cuxa cerimonia de entrega se emite en directo a partir das 22.00 horas en La 2 e RTVE Play. Organizados pola asociación de informadores cinematográficos, a gala tamén se celebrará en Pontevedra en 2026.