O goberno do PP en Lugo asegura que virar Promoción da Lingua nun servizo compartido entre dúas concellerías suporá "reforzar" esta política e non "reducila". O gabinete de Elena Candia, nun comunicado en resposta ao BNG, asegura que a súa "reorganización non supón nin a eliminación nin a redución das políticas de promoción do galego" senón "reforzar a presenza da lingua dende un enfoque transversal". Promoción da Lingua era parte da concellería de Cultura e Turismo no goberno de Lugo e, co decreto de organización ditado por Candia tras a moción de censura coa edil tránsfuga, o Servizo de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua queda "compartido" entre as áreas de Cultura, Educación, Deportes, Infancia e Xuventude e de Turismo e Museos. Na imaxe, Candia presentando un certame poético canda o secretario xeral da Lingua, o pasado martes [© Concello de Lugo]