EH-Bildu logra sacar adiante unha moción na Comisión de Pesca no Senado grazas aos votos do PP. A iniciativa, defendida pola senadora de Bildu Idurre Bideguren -integrada no grupo parlamentario Izquierdas por la Independencia, que xunta a formación vasca con ERC-, insta o Goberno de España a "impulsar medidas contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada". Os populares, imprescindibles para que fose aprobada -teñen maioría absoluta na Cámara Alta-, tentaron negociar unha emenda de adición ao texto que EH-Bildu non aceptou por non suscitar consenso co resto de grupos, pero así e todo votaron a prol porque "cremos que é oportuno traballar nesta liña", explicaron. Na imaxe [© Senado], un intre da comisión.
