O TSXG tomba cautelarmente outro parque eólico nos concellos de Lugo e Castroverde. O alto tribunal galego considera acreditado o risco de danos ambientais irreparables, segundo anuncia Adega.
O TSXG tomba cautelarmente outro parque eólico nos concellos de Lugo e Castroverde. O alto tribunal galego considera acreditado o risco de danos ambientais irreparables, segundo anuncia Adega.
Bebeto prenderá o alumeado de Nadal da Coruña. A lenda do Dépor, segundo adiantou DXT Campeón, estará na cidade o 26 de novembro para presentar a súa biografía e dous días despois, o venres 28, acenderá as luces festivas dende a praza de María Pita, confirma o Concello. Na imaxe, o ex-futbolista durante o Trofeo Teresa Herrera do 2023, canda Mauro Silva [© Concello da Coruña]
A militancia de Junts per Catalunya avala a ruptura co PSOE. O 86% dos votos das persoas afiliadas á formación están de acordo coa proposta da dirección de dar por rematado o acordo polo que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez. Na votación participaron máis do 60% das máis de seis mil persoas rexistradas. [📸 Na imaxe, a dirección executiva nacional de Junts reunida este luns]
A Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas do Concello de Vigo impulsa o Mapa Literario de Vigo para poñer en valor a importancia da cidade dentro da literatura e como actividade de animación á lectura. Son dez liñas, máis unha circular e outra especial, que artellan os barrios vigueses e os relacionan con distintas obras e autoras.
O catedrático da UDC Manuel Soto Castiñeira, novo presidente de Adega para os vindeiros dous anos. O pasado sábado, a organización ecoloxista renovou a súa xunta directiva, liderada polo profesor de Enxeñería Química, que xa ocupara a presidencia da entidade etnre 1996 e 2003.
Pedro Sánchez defende que o financiamento do PSOE é "absolutamente limpo" no "circo" que, lamenta, o PP artellou na comisión de investigación do Senado sobre o coñecido como Caso Koldo. O presidente do Goberno de España respondeu as preguntas dos grupos da Cámara alta durante cinco horas de tensa comparecencia das que informa infoLibre nesta crónica. A comparecencia íntegra pódese ver nesta ligazón do sinal institucional do Senado. [Imaxe: © Senado]
O pleno de Santiago aproba a modificación urbanística para a 'operación Peleteiro', que garante vivenda protexida no corazón do Ensanche. A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, eleva a "oportunidade histórica" esta reforma do PXOM, cuxa aprobación provisional tivo o apoio do goberno de BNG e CA e mais do PSdeG e o grupo de non adscritos, mentres que o PP votou en contra. Tras as negociacións co Estado, a reserva mínima para pisos protexidos é do "45%da superficie total edificable, excluída a planta baixa", remarca o edil de Urbanismo, Iago Lestegás. [Imaxe: © Concello de Santiago]
A irmá do galego Humberto Baena, un dos derradeiros fusilados do franquismo, roga nunha carta a Feijóo que o PP asista hoxe ao acto de homenaxe no Congreso. Os populares declinaron acudir ao acto ao entender que os homenaxeados "eran terroristas". A misiva é unha conversa entre os escritores Roger Mateos e Aroa Moreno, investigadores dos últimos fusilamentos do réxime fascista.
🇵🇸 O PP lanza unha campaña contra a Universidade da Coruña por izar a bandeira de Palestina "en sinal de repulsa contra o xenocidio" nos mastros que habitualmente ocupa a bandeira de España no edificio da Reitoría e mais na Vicerreitoría de Ferrol. Os populares manteñen que "ningunha reivindicación xustifica" esta remuda temporal a través dunha acción de pagamento na rede social X que tamén contribuíu a difundir a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, censurándoa como "decisión moi grave e inxustificada". O izado das bandeiras palestinas nestas dúas sedes produciuse hai unha semana e o equipo de goberno da institución académica prevé mantelo "ata a fin das agresións do goberno de Israel sobre o pobo gazatí".
MeteoGalicia advirte dun "episodio de chuvias e ventos fortes" dende este serán pola chegada dunha fronte que comezará con "refachos moi fortes" de vento no litoral e zonas altas e continuará con "chuvias localmente fortes e persistentes, especialmente ao oeste e ao sur" durante a noite. Este xoves a alerta amarela por chuvias atinxe ás provincias da Coruña e Pontevedra e a de vento, a toda a costa. A de precipitacións tamén afecta ás provincias coruñesa e pontevedresa no comezo do venres, cando atinxe asemade ao oeste e sur de Ourense. +info no seu web. [Imaxe: © MeteoGalicia]