O Tribunal Supremo estima o recurso de ENCE e avala a prórroga da concesión para a fábrica da ría de Pontevedra aprobada polo goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016 e que permitiría a continuidade da factoría ata o ano 2073. O ditame anula a sentenza da Audiencia Nacional que hai dous anos botara abaixo a prórroga por non xustificar que unha fábrica dese tipo deba ocupar terreos públicos do litoral.
Fálase
O Consello de Ministros aproba a fin da obrigatoriedade do uso da máscara no transporte público e tamén en establecementos como as ópticas. A medida entra en vigor mañá, 8 de febreiro, e de aí en diante só será obrigatorio usalas en centros sanitarios, farmacias e en centros sociosanitarios como as residencias da terceira idade para persoas que non vivan neles. Esta obriga estaba en vigor dende o inicio do desconfinamento en maio de 2020. Máis información, esta tarde en Praza.gal.
O PP impide tramitar a reforma da lei da CRTVG promovida polo BNG para, entre outros aspectos, elixir por concurso público unha nova dirección xeral que remude no posto a Alfonso Sánchez Izquierdo, no cargo dende 2009 e con mandato por tempo indefinido dende 2016 grazas a unha modificación inserida en solitario polo PP. A iniciativa propuña tamén a vía do concurso para o resto do Consello de Administración. O PP esgrime que "todos os datos avalan a xestión que se fai da CRTVG, que conta co apoio maioritario da audiencia" e acusa ao Bloque e mais ao PSdeG de pretenderen utilizar os medios públicos "politicamente". Na imaxe, Olalla Rodil (BNG) defendendo a iniciativa.
O pleno do Parlamento comeza cun minuto de silencio de todos os grupos como repulsa á violencia machista e na memoria de Beatriz Lijó, a muller asasinada en Baiona pola súa ex-parella o pasado domingo. O movemento feminista ultima mobilizacións para este mércores en diversas localidades galegas.
Asasinada unha muller de 47 anos en Baiona e detido un home que fora a súa parella como presunto autor do crime machista.
- AMPLIAMOS 👉 Asasinada unha muller de 47 anos en Baiona e detido un home do que fora parella acusado do crime machista
- Un de cada cinco agresores machistas detectados en 2022 tiña antecedentes con outras parellas
- Alerta para toda a sociedade tras unha decena de asasinatos machistas no Estado en decembro
"Vigo somos todos e todas, e por iso estamos aquí, para que se nos escoite na rúa xa que na alcaldía fan oídos xordos". Asociacións veciñais e colectivos ecoloxistas concentráronse este domingo na Porta do Sol de Vigo [na foto © Greenpeace Galicia] baixo o lema #VigoSomosTodxs reclamando "un modelo de cidade máis habitable e sustentable" que teña en conta á veciñanza "e non reduza á marxinalidade ás multiples asociacións e
colectivos" porque "non se pode construír un Vigo de costas aos veciños e veciñas".A praza de María Pita da Coruña conmemora o Día mundial contra o cancro cun gran lazo humano conformado en apoio ás persoas que padecen a enfermidade. Unha iniciativa promovida pola Asociación española contra o cancro (AECC) e na que participaron a alcaldesa da cidade, Inés Rey; o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor; e o presidente da AECC Coruña, Manuel Aguilar; así como diversos membros da corporación municipal e centenares de coruñesas e coruñeses.
Transportes reabre á circulación en ambos sentidos o treito da N-642 entre Foz e Burela afectado pola derruba do pasado xaneiro. O Ministerio resalta que se trata dun trazado provisional por continuar as obras, polo que pide "circular con precaución" na zona mentres os operarios "traballan na reparación definitiva". [Imaxe: Ministerio de Transportes]
Catro persoas feridas ao envorcar na estrada entre cabo Silleiro e Oia un microbús da ruta Baiona - A Guarda. Un mariñeiro alertou os servizos de emerxencia tras presenciar o sinistro, no que foi preciso excarcerar a condutora e unha pasaxeira, segundo informa a Garda Civil. Tanto as dúas persoas excarceradas como outros dous pasaxeiros, feridos leves, "foron trasladados a centros hospitalarios".
A Xunta fai públicas as semanas nas que se desenvolverán os exames de 35 oposicións entre xuño e o outubro para cubrir 901 prazas. Os exercicios desenvolveranse en Santiago e Silleda e nesta ligazón podes consultar o calendario completo. O Goberno galego indica que "hai máis de 40.000 aspirantes inscritos para estas oposicións".