Alumnado e ex-estudantes do IES de Becerreá reclaman nun vídeo frear os recortes de materias e recursos neste instituto e expoñen como mostra da súa importancia as carreiras profesionais que desenvolveron diversas persoas que estudaron no centro. A comunidade educativa deste instituto vénse mobilizando pola "derrogación da normativa pola cal se poden suprimir materias con menos de 5 alumnos aínda que no centro haxa profesorado especialista" e, en xeral, "a fin dos continuos recortes" aos centros do rural
Fálase
Un neno resulta ferido en Viveiro tras ser atropelado por un tren. Segundo informa o 112, o suceso aconteceu no serán do pasado venres, cando persoal do Adif avisou a Emerxencias "de que unha persoa fora alcanzada por un tren" da antiga Feve "moi preto da praza Donapetry" da vila mariñá. O neno foi trasladado en UVI móbil a un campo de fútbol cercano, onde aterrara un helicóptero medicalizado que o trasladou ao hospital Materno Infantil da Coruña. Na imaxe, de arquivo, estación da antiga Feve en Viveiro.
O BNG esixe á Xunta a "restitución inmediata" da Tarxeta Básica para a compra de alimentos que vén de cancelar e que a manteña como "permanente" para persoas pendentes de acceder á Risga ou ao Ingreso Mínimo Vital. Olalla Rodil, vicevoceira parlamentaria da formación, ve "inadmisible" que o Goberno galego suprima a "única medida fronte á crise" e lembra que o Bloque vén reclamando un "plan de rescate" fronte á crise de prezos que inclúa medidas como a suba dos importes da Renda de Inclusión e novas axudas para o pagamento da vivenda.
A Casa Obreira da CUT en Santiago acolle este sábado a xornada Unha CRTVG ao servizo do pobo, centrada na "liberdade de expresión e igualdade" nos medios públicos de comunicación. Contará cos paneis compostos por xornalistas, expertos xurídicos e representantes políticos baixo os títulos "A garantía da liberdade de expresión é unha tarefa de todas", "Por uns medios públicos feministas", "Control parlamentario e deontolóxico da manipulación informativa" e "Fiscalización sindical e social dos medios públicos", este último coa participación de David Lombao, director de Praza.gal
Homenaxe a Samuel Luiz no primeiro aniversario do seu asasinato na Coruña. A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS) convoca unha vixilia este sábado (2 de xullo) ás 18.30h na Avenida de Bos Aires, ao carón da discoteca Playa Club. Co fin de honrar a súa memoria, así como a doutras vítimas da LGBTIfobia gardarase un minuto de silencio e haberá unha ofrenda floral onde tiveron lugar os feitos que o domingo farán un ano. Non se lerá ningún manifesto como mostra de respecto ao proceso xudicial en curso.
O novo disco das Tanxugueiras xa ten título e portada. Incluirá dez temas, entre eles éxitos como Midas, Figa, Averno ou Terra, os recentes sinxelos Seghadoras, Desidia e Pano Corado e outros dous instrumentais de apertura e peche. Diluvio sae á venda en tendas físicas e ás plataformas dixitais o día 29, pero xa se pode reservar no web das cantareiras.
- HEMEROTECA - ENTREVISTA | "Queremos demostrar que a nosa música tradicional pode ter a mesma proxección que calquera outra"
O voceiro do PP no Concello de Lugo renuncia a repetir como candidato nas municipais de 2023 por motivos "persoais". Ramón Carballo, que tamén é deputado, foi aspirante á alcaldía en 2019, cando se cumprían dúas décadas dende que os conservadores gobernaron Lugo por última vez. Neste período mudaron de cabeza de cartel en catro ocasións e dispóñense a designar o quinto aspirante. [Imaxe: © PP Lugo]
Rueda rexeita pronunciarse sobre a condena firme da CRTVG por represaliar un traballador e remítese a declaracións previas nas que considerou “axeitada” a “política” da corporación sobre os ‘venres negros’. O presidente limitouse a constatar que hai “unha sentenza xudicial” e que a súa postura ao respecto “non varía” do que xa dixo cando se lle preguntou polo mesmo tema cando a sentenza aínda non era firme.
A cimeira da OTAN en Madrid devolve o mundo á guerra fría e sinala Rusia como principal inimigo. Unha crónica de José Enrique Monrosi, de infoLibre. Na imaxe, os asistentes ao cumio antes da súa cea oficial no Museo do Prado, este mércores [© Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa]
O PP propón para o Consello de Administración da CRTVG a dúas persoas con cargos nos seus gobernos. A marcha de dous colaboradores de Feijóo no partido, Luis de la Matta e Higinio Meijide, será cuberta por Margarita López Blanco, con cargos na Deputación de Lugo durante os gobernos de Francisco Cacharro e Elena Candia, e por Álvaro Alonso Filgueira, ata agora xefe de prensa da conselleira de Medio Ambiente.