Francisco Jorquera non recuncará como candidato do BNG á alcaldía da Coruña. O veterano dirixente defende a necesidade de saber "pechar etapas" e aposta por "persoas novas e preparadas" que, di, o Bloque ten para "dar impulso" á cidade. "A política obviamente non a vou deixar, é moito máis que o labor institucional", resalta quen encabezou o cartel coruñés da formación nacionalista en 2019 e 2023. Previamente, Jorquera fora candidato á presidencia da Xunta en 2012, deputado no Congreso e senador, así como membro de organización históricas do nacionalismo coma ERGA. Na imaxe, o actual grupo municipal do BNG no Concello da Coruña.
Fálase
Inditex gañou 6.220 millóns en 2025, un 6% máis que o ano anterior, superando por primeira vez a barreira dos 6.000 millóns de euros de beneficio neto. O grupo téxtil galego ingresou case 40.000 millóns, cun negocio online que lle supón máis do 26% do total.
A Coruña medita renunciar a ser sede do Mundial de fútbol. A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente do Deportivo, Juan Carlos Escotet, reuníronse este luns para tratar as opcións da cidade de acoller partidos mundialistas en 2030, unha posibilidade cada vez máis afastada, segundo conta DxT. O presidente da Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, non desbota a Vigo pero acusa a Abel Caballero de avivar o conflito para "intentar sacar algún rédito político". [Imaxe: © Concello da Coruña]
O TSXG rexeita autorizar á Xunta a realizar batidas de control de lobos en tres municipios ao non haber "probas técnicas suficientes" do incremento de ataques que argumentara a Consellería de Medio Ambiente. O tribunal prohíbeas en Cerdedo-Cotobade, Curtis e Ferrol porque "non se demostrou un cambio de circunstancias que xustifique a modificación das medidas cautelares xa adoptadas".
O Goberno de España recupera as bolsas para que o alumnado universitario estude un curso noutra universidade do Estado, canceladas polo Executivo do PP de Rajoy en 2013. As desaparecidas bolsas Séneca serán dende o curso 26/27 as bolsas Medrano, estarán dotadas con 8.100 euros anuais (900 euros/mes durante o curso) e na súa primeira convocatoria prevén chegar a 2.300 estudantes. Pedro Sánchez destaca que o orzamento das novas bolsas é "un 80% maior" que o das antigas Séneca e, nun encontro con estudantes, afirma que "hai países que malgastan os cartos en guerras e nós preferimos investir en bolsas".
O Concello de Santiago remite por segunda a petición de ser declarado zona tensionada polos prezos do alugueiro á Xunta, que a rexeitou o pasado ano. O goberno compostelán sinala que a documentación está "adaptada" ás "esixencias específicas" do Goberno galego aínda que "a primeira documentación xa estaba correcta", resalta o edil de Urbanismo, Iago Lestegás. Neste sentido, subliña, "a memoria xustificativa só utiliza datos oficiais que non se complementan con datos procedentes doutras fontes e describe un incremento do prezo medio do alugueiro en Santiago de Compostela do 40,26% entre 2019 e 2024, de acordo cos datos do Observatorio de Vivenda de Galicia". [Imaxe: © Concello de Santiago]
- HEMEROTECA | A Xunta rexeita a solicitude de Santiago para ser zona tensionada
- HEMEROTECA | A Coruña, primeiro municipio de Galicia en ser declarado zona residencial tensionada
- HEMEROTECA | Así poden afectar as zonas tensionadas ao prezo dos alugueiros da Coruña e Santiago
- HEMEROTECA | A renda dos propietarios de pisos alugados xa duplica a dos inquilinos en Galicia
Dimite o secretario xeral das Nuevas Generaciones do PP e pide o voto para Vox. Carlo Angrisano Girauta argumenta ao renunciar como 'número dous' das mocidades do partido dirixido por Feijóo que "é hora de defender as nosas ideas e España sen medo"
Irán confirma Mojtaba Khamenei como novo líder supremo do país unha semana despois de que os EUA e Israel matasen o seu pai, Alí Khamenei, segundo confirmou este domingo a axencia estatal iraniana IRNA. Imaxe oficial do novo líder supremo [© IRNA]
A galega Pauleta estréase coa 'seleção' portuguesa de fútbol nunha vitoria ante Eslovaquia por 4-0. Paula Domínguez Encinas, nada en Redondela hai 28 anos, xoga no Benfica.
Madonna responde ao Celta que garda a súa camiseta e que a usa e representa o equipo co seu espírito. O club enviara unha carta á cantante preguntándolle pola camiseta que lucira no seu concerto en Vigo en 1990.
- 🟪🟧🟦 EN VINTE | As Tanxus, Bad Bunny e o ‘valor’ da identidade
- 🟪🟧🟦 EN VINTE | A outra vitoria do Celta: “O uso do galego reforza o noso crecemento”