📺VÍDEO | VINTE estrea o novo d'Os Amigos dos Músicos, 'Non pare a festa', unha canción con sabor de Entroido que esta semana vai acompañar o lanzamento do novo libro de Ramón D. Veiga e David Sierra en Xerais.
Fálase
Siemens-Gamesa fai oficial a súa intención de pechar a súa factoría das Somozas, o que implica o despedimento de máis de 200 persoas. Está a contalo Ferrol 360.
A Xunta suspende o prazo de presentación de ofertas para a licitación do transporte escolar tras as protestas no Courel polo novo plan, que reducía rutas, ampliaba o tempo das viaxes e empeoraba as condicións. O alumnado foi á folga contra o proxecto, rexeitado por toda a comunidade educativa e o pleno municipal de Folgoso.
Feijóo afirma que, "por suposto", tería sido "mellor non celebrar reunións familiares no Nadal" para evitar contaxios da COVID-19. Afirmouno nunha entrevista con Radio Galicia - Cadena SER despois de que o Goberno galego permitise saltar os peches perimetrais para encontros familiares en Noiteboa, Nadal, Noitevella, Aninovo e Reis, aínda que recomendase non facelo. Previamente, o propio Feijóo apelara a "salvar a campaña de Nadal" e dixera esperar un "reseteo" do sistema sanitario previo ás festas.
O Pescados Rubén Burela FS gañou este sábado a súa terceira Supercopa de España de fútbol sala ao impoñerse 2-0 ao Poio Pescamar FSF. As xogadoras laranxas engaden este trofeo aos títulos de Liga e Copa obtidos nos últimos meses e confírmanse como un dos mellores equipos de fútbol sala do planeta
O Concello de Baltar (Ourense) volve rexistrar esta mañá a temperatura máis baixa en Galicia, con -12,4 graos, segundo informa Meteogalicia. En Verín ou Calvos de Randín tamén se baixou dos dez graos negativos. O récord da temperatura máis baixa corresponde a Xinzo de Limia, onde os termómetros baixaron ata os 19 graos baixo cero o 1 de xaneiro de 1971. Xunqueira de Espadanedo (-15,5), Viana do Bolo (-15) e Calvos de Randín (-14,4) rexistraron tamén valores moi reducidos en anos anteriores.
Twitter suspende permanentemente a conta de Donald Trump para evitar 'máis incitacións á violencia'. O aínda presidente dos EUA empregou esta rede social como un dos seus principais altofalantes nos últimos anos
A Xunta endurece as restricións en Santiago, Ames e Teo (que pasan ao nivel de risco extremo) e na Coruña e Ourense (que pasan ao nivel de risco alto). As novas medidas, obrigadas polo empeoramento da situación da pandemia, implican o peche da hostalaría ás 18 horas e a limitación da súa capacidade. O goberno galego incrmentará as cribaxes, algunhas delas dirixidas a grupos específicos, por exemplo ao estudantado universitario. Toda a información, nuns minutos
35 anos despois da derruba do histórico 'scalextric', comeza en Vigo a retirada do paso elevado da rúa Lepanto que quedara como herdanza para dar acceso á AP-9. Tras a demolición en 1986 do gran viaduto levantado dez anos antes para unir a Gran Vía e a autoestrada, que nunca se abriu ao tráfico, quedou este paso elevado sobre a rúa Alfonso XIII que agora será substituído por un túnel no marco das obras da nova estación intermodal de tren e bus.
A Xunta mantén Asturias e Castela e León fóra da obriga de control polo coronavirus de viaxeiros que cheguen a Galicia nunha nova actualización da listaxe na que están nove comunidades. As comunidades veciñas saíron o 22 de decembro dunha lista na que a nivel europeo xa estaba Portugal, que se mantén coa obriga, e na que a agora o Goberno galego incorpora tamén a Francia.