Morren dous traballadores na Cañiza atrapados baixo sacos de gran peso. A Axencia de Emerxencias informa de que un compañeiro alertou ao 112.
Fálase
Sumar denuncia a Xunta e a Consellería de Sanidade ante a Xunta Electoral polos SMS ao persoal do Sergas anunciando melloras acordadas hai meses. A formación solicita "a sanción máis alta contemplada" e pide multas de 3.000 euros a Alfonso Rueda e ao conselleiro García Comesaña. Vox, pola súa banda, denunciou o pago de 550 euros aos mariscadores.
Case 59.000 galegos e galegas votaron por correo para o 18F, un 37% máis que nas eleccións de 2016. Exerceron o seu dereito ao voto case o 94% das persoas que o solicitaron.
Falece o empresario César Bonilla, responsable da empresa de churros e patacas fritas Bonilla a la Vista e fillo do fundador da compañía creada en 1932. A empresa lamenta o falecemento e destaca o se "incansable traballo e dedicación"; o Concello da Coruña amosa o seu "fondo pesar" polo seu pasamento.
A Xunta volve sacar a concurso as ambulancias do 061 das áreas de Vigo, A Coruña, Pontevedra, Salnés e Baixo Miño tras quedar deserta unha anterior convocatoria. O contrato ascende agora a preto de 50 millóns de euros por dous anos e inclúe melloras laborais.
Marta Lois anuncia as tres primeiras medidas que impulsará Sumar Galicia de conformarse un "goberno a tres" do resultado das urnas o 18F. A candidata de Sumar Galicia explica que serán un "plan de rescate" da sanidade pública, incorporando a saúde mental nos centros de saúde; un plan "valente e transformador" do prezo dos alugueiros; e unha fiscalidade xusta "para que pague máis quen máis gana". [Fotografía do acto deste xoves en Santiago CC-BY-SA Sumar Galicia]
En plena campaña do PP contra un posible goberno de coalición as consellerías de Emprego e Educación asinan un acordo entre elas para "coordinar" as súas actuacións en materia de formación a persoas desempregadas.
Este xoves remata o prazo para depositar o voto por correo nas oficinas postais. As peticións de voto por correo foron case un 20% menos que nas eleccións da pandemia de 2020, pero un 35% máis que nas eleccións galegas de 2016.
Alcoa retoma a produción de aluminio primario en Galicia logo de dous anos de parálise, segundo informa o comité de empresa. Das cubas de electrólise saíron na tarde do mércores as primeiras catro toneladas de aluminio líquido, malia as intencións da empresa de adiar o reinicio da actividade e ameazar co peche da factoría da Mariña.
18F | O debate electoral de RTVE entre Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, ao que Rueda decidiu non ir, foi líder de audiencia en Galicia cun 17,4% de cota de pantalla, destaca o director de contidos da canle pública estatal. O dato, salienta, fica só "seis décimas" por baixo do debate da CRTVG emitido o primeiro luns da campaña. A emisión logrou 372.000 espectadores únicos. [Imaxe: © RTVE]