O comité de folga da CRTVG denuncia que "a dirección aumenta as coaccións ao cadro de persoal para que a ausencia do seu posto de traballo non interfira na emisión do programa O Termómetro". Coa deste venres son xa dezaoito as xornadas nas que o programa non saíu ao aire na TVG, non chegando a emitirse na súa integridade dende este luns. O comité, que vén manifestando a negativa da directiva dos medios de comunicación públicos galegos a dialogar coa representación do persoal, critica a "actitude coercitiva" cara ás traballadoras e traballadores que están secundando esta folga indefinida.
